Alfonso Rueda afirma que esgotará a lexislatura como presidente da Xunta

A pesar de non ter concorrido como candidato á Xunta, o actual presidente galego afirmou que "cando un se presenta e adquire uns compromisos se necesita tempo para facelos".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este domingo, 15 de xaneiro, que pretende esgotar a lexislatura e defendeu que se algo caracteriza aos populares é "a estabilidade e a previsibilidade". "A xente non pode estar á espera dos intereses dun político que sempre estea a pensar nos seus intereses persoais como lle pasa ao señor Sánchez", sostivo.

Nunha entrevista na Radio Galega, Rueda afirmou que debe darlle ás empresas e ás persoas "un escenario de previsiblidade e de estabilidade". A pesar de non ter concorrido como candidato á Xunta, o actual presidente galego afirmou que "cando un se presenta e adquire uns compromisos se necesita tempo para facelos".

"Se un se presenta para unha lexislatura de catro anos, os proxectos que presenta son para catro anos; se curtas dous anos antes é que non cumpriches. Eu pretendo cumprilo", insistiu o presidente da Galiza.

Pola contra, cuestionado sobre se o presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, adiantará as eleccións xerais, previstas para final de ano, para facelas coincidir cos comicios municipais e autonómicos, Rueda foi tallante: "Sánchez convocará cando lle conveña a el".

Así, o titular do Goberno galego reprochou esta circunstancia, a pesar de que o propio Partido Popular solicitou eleccións anticipadas no Estado español, e engadiu que Sánchez convocará eleccións "no momento no que lle conveña a el persoalmente, nin sequera ao seu partido". "Cando vexa que ten oportunidade de continuar en Moncloa, ese día, convocará. Os intereses do Estado español son secundarios", censurou.

Do mesmo modo, Alfonso Rueda criticou que "moitas decisións prexudiciais para a Galiza que adopta Moncloa" débense a "tentar prexudicar a Alberto Núñez Feixoo -líder do Partido Popular no Estado español- na súa condición de ex presidente da Xunta".

Nesta liña, reivindicou que "todas as enquisas, salvo a de José Félix Tezanos -responsábel do Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) do Estado español-, coinciden en que Feixoo vai gañar as eleccións", por iso ve que "a estratexia do PSOE" pasa por "tentar desgastalo".

"Van tentar que o resultado das autonómicas e municipais non confirme o que din todas as enquisas para despois ter unha oportunidade nas estatais. É moi triste, mais teño claro que a estratexia do PSOE vai por aí", lamentou.

Municipais

Aínda sobre o ámbito electoral, coas municipais que decorrerán no mes de maio, Rueda mostrouse "satisfeito" por ter definidas ás persoas que van encabezar as candidaturas locais.

Así, preguntado sobre se haberá algunha sorpresa nas listas populares, Rueda limitouse a responder que teñen "candidaturas potentes" que aínda están sen anunciar, mais que cre que "van chamar a atención".

En canto ás previsións para o 28 de maio, Rueda augura que o PP manterá as Alcaldías que ostentan desde o ano 2019 e cre que van ter "algunha alegría importante en cidades e noutro tipo de concellos". "Hai unha sensación de mellora respecto aos resultados de 2019, que tampouco foron bos, hai que recoñecelo", proclamou.

Candidatura do PSdeG

O presidente da Xunta tamén foi cuestionado pola situación do PSdeG e, en concreto, por José Ramón Gómez Besteiro, nome que saíu nas últimas semanas de novo como posíbel candidato dos socialistas galegos tras a súa desimputación da 'Operación Pulpo'.

Rueda cualificou como un "culebrón" o que, ao seu xuízo, o PSdeG "montou en pleno mundial -de fútbol- facendo comparacións con Messi". "De súpeto sae Valentín González Formoso -secretario xeral do PSdeG- dicindo que hai un Messi, que ten que saír a xogar, o suposto Messi aínda non dixo esta boca é miña e agora a contorna do señor Formoso di que non hai por que falar de todo isto, dunha historia que eles mesmos contaron e promoveron", salientou.

Neste contexto, enmarcou esta situación no "proceso interno de pelexa continua" no que, asegurou, viven os socialistas galegos. "Supoño que esta é unha máis", reiterou, para a continuación indicar que ve que a González Formoso "non lle apetece nada" ser o candidato á presidencia da Xunta e que "ao señor Besteiro-Messi tampouco lle apetece demasiado". "E se lle apetece disimúlao moi ben", engadiu.

Sobre o BNG, criticou a petición do Debate do Estado da Autonomía porque considera que "hai un regulamento no Parlamento para iso". "Non sei por que estas présas cando coñece -a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón- perfectamente os prazos do Parlamento".

Problemas en Sanidade

O presidente da Galiza recoñeceu problemas no ámbito sanitario, mais asegurou que a Xunta traballa para solucionalos. "Somos conscientes dos problemas, mais non son necesarias mensaxes onde tentan transmitir unha sensación da nosa Sanidade pública terceiromundista comparándoa con países que nada teñen que ver co noso sistema sanitario", censurou sobre as críticas recibidas neste eido.

En todo caso, sobre a situación do sistema sanitario galego, Alfonso Rueda recoñeceu que na Galiza "a situación é complicada". "Non tería sentido negar que aquí non temos problemas", sinalou.

Ademais, defendeu que a atención hospitalaria é "francamente boa" e os "problemas en Atención Privada" son derivados "da falta de médicos". Unha situación que volveu a achacar ao Goberno estatal por non convocar máis prazas MIR ou non convocar a especialidade de Urxencias. "Non lle dan ao botón dunha medida que non terían nin que xestionar nin que pagar", insistiu.

Stellantis e Altri

Nesta entrevista, o presidente da Xunta tamén se mostrou preocupado polo futuro de industrias como Stellantis ou do proxecto de Altri no municipio de Palas de Rei. No primeiro caso, Rueda ve "claro" que existe risco de deslocalización, polo que volveu a reclamar "axilidade" ao Goberno estatal para dar luz verde ao segundo Perte da automoción.

Sobre Altri, o presidente galego espera que o Executivo do Estado español concrete nestes primeiros meses do ano o financiamiento. "Levan un ano mareando a perdiz", reprochou. O presidente galego cre que Altri é "o perfecto exemplo" de proxecto que pode optar aos Fondos Next Generation.

Comentarios