Rueda recoñece que case 20% da lista de espera en saúde mental supera os 6 meses
Desde a pandemia a lista de agarda aumentou 11% e máis de 9.100 persoas están actualmente na Galiza á espera dunha primeira consulta.
U n de cada cinco galegos e galegas (21,6 %) sufrirá algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. Ademais, segundo a última Enquisa Nacional de Saúde, de 2023, 16,2 % declarou padecer algún nos 12 meses anteriores a ser consultado. Datos que sinalan a importancia da saúde mental, o tema que esta cuarta centrou o debate na sesión de control entre o presidente galego, Alfonso Rueda, e a portavoz do BNG, Ana Pontón. Tempos de espera excesivos, listas de agarda en aumento constante, escasa dotación de profesionais na sanidade pública ou un alarmante aumento do consumo de antidepresivos e ansiolíticos foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa.
A 31 de decembro 2024 a lista de agarda hospitalaria por unha cita de saúde mental no Segas alcanzaba as 9.162 persoas. A área sanitaria de Vigo, con 2.974, concentra unha terceira parte desas persoas en esperas por unha consulta en Psiquiatría. A de Lugo-A Mariña-Monforte, é a segunda que máis ten, con 2.770, das que 35% (972 persoas) agardan máis de seis meses por esa cita. Desde a pandemia da Covid as listas de agarda aumentaron 11% e a demanda, 30%, sinalou esta cuarta o titular da Xunta, Alfonso Rueda, en resposta á pregunta que lle trasladou Ana Pontón na sesión de control parlamentaria sobre as medidas que ía adoptar para garantir un servizo de saúde mental axeitado para os galegos e galegas. Un Rueda que recoñeceu publicamente, aínda que de forma indirecta, que case 20% das persoas en lista de espera para saúde mental agardan máis de seis meses pola consulta.
"83% das persoas nesas listas esperan menos de 180 días, que é moito, son cifras que hai que baixar", sinalou. Seis meses é un número que colexios de psicoloxía e profesionais consideran excesiva para unha consulta e que pode afectar o tratamento posterior. O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG) advirte que, segundo unha guía de práctica clínica do Ministerio de Sanidade, a depresión leve-moderada require un tratamento psicolóxico breve de seis a oito sesións entre dez e doce semanas, mentres que na moderada indícanse de 16 a 20 sesións repartidas en cinco meses. Unha periodicidade semanal ou quincenal que a guía estima como eficaz mais que "resulta inviábel en todas as áreas sanitarias" do Sergas.
Psicofármacos
O tempo excesivo de espera e a falta de profesionais están entre os motivos que levan a dúas situacións preocupantes. Por unha parte, ter que recorrer á privada, co custo económico que iso implica —entre 60 e 100 euros por sesión—. O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) preguntou por primeira vez o verán pasado sobre saúde mental. 44% das persoas enquisadas a nivel de Estado —non hai desagregación por comunidades— recoñeceron que recibiran atención na privada, por 46% na pública.
Outra das derivadas é o enorme volume de consumo de psicofármacos na Galiza. Segundo a Enquisa Europea de Saúde de 2022, a Galiza tiña "cifras alarmantes" no uso de ansiolíticos e antidepresivos, con taxas de 130,7 doses diarias definidas (DHD) por 1.000 habitantes.
Ana Pontón cifrou esta cuarta feira durante o debate na Cámara galega en 8.864.169 as receitas destes psicofármacos que se expediron en 2023. A portavoz do BNG tamén advertiu de que o consumo de ansiolíticos e de antidepresivos entre menores de 19 anos creceu ao redor de 52%.
Neste sentido, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) lembraba a principios de ano que o nivel de renda confírmase como un dos determinantes no acceso a tratamentos, "sendo así que o farmacolóxico aumenta cantos menos medios se posúen, e tamén en mulleres, en persoas de idade avanzada e en infancia-adolescencia (problema especialmente grave en si mesmo se vemos como se proxecta cara ao futuro na sociedade)". A portavoz nacionalista recriminou ao presidente da Xunta a "gran mentira" ao anunciar en xuño de 2020 un total de 83 millóns de euros para o Plan de Saúde Mental 2020-24, cuxo investimento real, incluíndo a contratación de persoal, "foi de tan só 33,5 millóns, tal e como desvelou un demoledor informe” do Consello de Contas.
Recursos económicos
"Non pode ser que a túa saúde mental dependa da túa conta bancaria, de se tes recursos ou non para poder pagar unha consulta privada, porque o único que lles ofrece vostede é propaganda e mentiras", criticou Pontón, para recordar a seguir o incremento de até 174% en Lugo ou de case 300% en Ourense nas listas de espera en Psiquiatría.
O presidente da Xunta admitiu que as enfermidades ligadas á saúde mental supoñen "un problema crecente" e defendeu que o Sergas "actúa". Así, aínda que recoñeceu que hai que "baixar" os tempos de espera, defendeu que o seu Executivo trata de contratar os profesionais que pode e afirmou que está "en proceso" de sumar outros 14 neste 2025 para Atención Primaria e co reto de chegar con 50 a 2030. Actualmente o número de profesionais de saúde mental no servizo de Primaria é de sete para o conxunto da Galiza, tal e como desvelou Nós Diario.
Na Galiza hai 5,2 psicólogos por cada 100.000 habitantes. O mínimo para ofrecer unha calidade asistencial aceptábel é de 12 e o "óptimo sería 20, que é cara a onde hai que ir", segundo a Sociedade Española de Psicoloxía Clínica.

