O PSdeG leva ao Pleno do Parlamento o "colapso" da Atención Primaria

Álvarez rexeita falar do expediente a Seco: "É unha cuestión orgánica".
O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do grupo do PSdeG no Parlamento, Luis Álvarez, esixiu onte nunha rolda de prensa que Alfonso Rueda, presidente da Xunta, rectifique a súa política en Atención Primaria, e que se fixe nas propostas da formación socialista de cara a "reverter un colapso " que denuncian directamente "os colectivos profesionais", sendo o último o Colexio de Médicos de Pontevedra, co que empraza o Goberno galego a restabelecer as relacións.

Álvarez comentou distintas iniciativas que levarán ao pleno desta semana, co foco posto nos asuntos de actualidade, mais tamén no campo das políticas públicas competencia do Executivo de Rueda.

Así, avanzou que pedirán no pleno que se ratifique o compromiso na loita contra a violencia de xénero e o compromiso para a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia Machista, un plan de avaliación das medidas da Xunta no marco deste pacto e a implementación dos catro centros de atención 24 horas ás vítimas de violencia machista.

Tamén anunciou que a súa pregunta ao presidente na sesión de control tratará sobre as medidas para a cohesión social, xa que considera preocupante o aumento na desigualdade que afecta a todos os ámbitos, desde o acceso á propia sanidade, o acceso á dependencia e as prazas de residencias de maiores, acceso á educación.

Expediente de Martín Seco

Por outra parte, e a preguntas da prensa, Álvarez rexeitou opinar sobre o expediente sancionador aberto pola dirección do PSdeG ao deputado Martín Seco e sobre a carta de apoio que asinan outros seis parlamentarios. "É unha cuestión orgánica, é unha cuestión para a que teñen que remitirse á Dirección do PSdeG", dixo.

Comentarios