Crise dos pellets

Rueda insiste en que non se precisa máis axuda nas praias para retirar a marea plástica: "Non están chegando pellets"

Díxoo esta terza feira a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente e reiterouno hoxe o presidente da Xunta da Galiza; os efectivos despregados actualmente nos areais galegos para retirar millóns de microplásticos da vertedura do Toconao son suficientes: 200, que en días serán 300. "Agora mesmo non chegan pellets [a praias e areais] como para pedir axuda adicional" ao Goberno estatal, sinalou Alfonso Rueda en resposta a Nós Diario.
rueda xunta consello
photo_camera Alfonso Rueda após a xuntanza semanal do Goberno galego. (Foto: Xunta da Galiza)

O titular da Xunta da Galiza, na súa comparecencia após o Consello do Goberno galego, agradeceu que haxa dispoñíbel para actuar en terra un retén do Executivo estatal mais considera que actualmente non fai falta. Os efectivos despregados pola costa galega (300 para 1.500 km) son suficientes para o presidente, canda o persoal voluntario, para retirar os millóns de pellets que hai nos areais do país. O propio Alfonso Rueda afirmou esta quinta feira que había presenza destas bólas de plástico en praias e litoral de 37 concellos, cando hai uns días a Xunta cifrábaos en 20.

Porén, considera que non chegan tantos pellets como para pedir ao Estado persoal de reforzo nestes labores, como si fixo Asturias ou Cantabria. É máis, Rueda mesmo apuntou hoxe que desde a Galiza "non queremos pedir [esa axuda] para non detraer [eses efectivos] doutros sitios". Afirmou, iso si, que o operativo despregado pola Xunta continuará activo até que as praias estean "completamente limpas".

Baile de datas

Nós Diario tamén preguntou ao presidente que data foi realmente na que a Xunta tivo constancia da presenza desta marea plástica. O Goberno galego asegurou nun primeiro momento que fora o 3 de xaneiro mais o Concello de Ribeira e o primeiro veciño que detectou os pellets —en Corrubedo, nese mesmo concello  da comarca do Barbanza—afirman que avisaron a Xunta a mediados de decembro. O propio conselleiro de Mar, Alfonso Vilares, recoñeceu hai uns días que souberan das bólas o 13 de decembro.

Entón, cal é a data verdadeira? Rueda enrocouse na resposta e mantivo que non recibiu do Estado ningunha comunicación que a Xunta considere oficial até 3 de xaneiro, a pesar dos intercambios anteriores de información. Admite, por exemplo, que o día 20 de decembro Gardacostas recibiu un whatsapp  dun organismo estatal informando da perda de seis contedores. Mais o presidente nada aclarou sobre as notificacións do Concello de Ribeira e o veciño de Corrubedo.

Informes

En relación aos informe pedidos pola Xunta sobre a composición e toxicidade dos pellets e pendentes aínda das súas conclusións finais, Rueda asegurou que a intención da Xunta é ter "toda a celeridade posíbel" en obter "toda a información posíbel". En todo caso, dixo, "é contaminación que chega e hai que recollela".

O presidente pediu ao Goberno estatal, e concretamente ao ministro de Transporte e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, "menos tuits e máis eficacia", e insistiu en que o Estado debe pór os medios necesarios para buscar os sacos de pellets no mar. "Até hai cinco minutos dicíannos que por que pediamos medios no mar se non se podía atopar nada. Agora dannos a razón con que hai que buscar no mar, pero piden que busque a Xunta", insistiu.

O submarino

Un dos medios cuxa petición máis sorprendeu ao Goberno español foi a dun robot submarino para localizar e selar o colector do que saíron os pellets que chegan ás costas galegas. A este respecto, Rueda reiterou a necesidade da súa utilización. "Queremos saber se o colector, a orixe de todo, aínda ten eses sacos dentro. A Xunta non pode saber nestes momentos onde está. Pedimos que se busque".

Fiscalía

O presidente galego revelou tamén que a Xunta estaba a preparar “de oficio” un informe sobre o episodio de contaminación para presentar ante a Fiscalía. A maiores, indicou que a Asesoría Xurídíca do Goberno galego está a preparar a documentación solicitada pola Fiscalía de Medio Ambiente. 

Comentarios