23-X

O PP presenta a alternativa a Feixoo como "Goberno Frankenstein" e evita falar de Vox

Mariano Raxoi e Alfonso Rueda arrouparon o candidato do PP á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, nun acto central da campaña que decorreu na praza de touros de Pontevedra, lugar que o ex presidente da Xunta considera "talismán". "Ou Feixoo e o PP, ou o Goberno Frankenstein", insistiu Raxoi.
Alfonso Rueda, Mariano Raxoi, Alberto Núñez Feixoo e Paula Prado, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, Mariano Raxoi, Alberto Núñez Feixoo e Paula Prado, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, asegurou este domingo que o líder do PP, Alberto Nuñez Feixoo, é "a única alternativa de cambio ao que están a ver hoxe" no Estado español e por iso convidou a apostar pola papeleta do Partido Popular nas eleccións do 23 de xullo, porque, dixo, "é o que o país necesita". Eludiu falar de posíbeis alianzas co ultraespañolismo de Vox, mais si cargou contra a alternativa ao PP: "Convén deixar as cousas moi claras: o próximo 23 elíxese entre Alberto Núñez Feixoo e o Partido Popular ou o Goberno Frankenstein, que é o de PSOE, Podemos e todos, son vinte e tantos. O demais son historias", proclamou Raxoi.

O ex mandatario arroupou Feixoo na praza de touros de Pontevedra, onde o partido reuniu "perto de 12.000 persoas", segundo fontes do partido. Trátase dun lugar simbólico para o candidato 'popular', talismán das súas catro maiorías absolutas na Galiza, desde a primeira cita na que concorreu tras suceder Manuel Fraga á fronte do partido, en 2009.

"Esta praza seguirá sendo o noso talismán, tráenos sorte", aseverou o ex presidente do Goberno español, que tamén afirmou que "a maioría da cidadanía está farta de tanta división e de tanto enfrontamento" e "necesita acougo" e "serenidade" para abordar os retos que ten por diante, "moi abandonados polo Goberno Frankenstein". "É necesario un estilo distinto no Goberno de España. Iso é o que pensa a maioría. Tamén moitos que non nos votaron noutras ocasións", manifestou, para subliñar que Feixoo está "preparado" e ten detrás o apoio do Partido Popular.

Mariano Raxoi puxo en valor a traxectoria do PP, "con máis de 40 anos de historia", e recalcou que ten vocación de "permanencia" e non "vocación bisagrista", como "outros". "Hai outros que teñen un revés e voan. Onde están UPyD, Ciudadanos e Podemos? Onde están? E dentro de pouco, onde estarán outros? Aquí proliferan partidos por todas as partes. Hai 17 no Congreso. É algo verdadeiramente notábel", apuntou.

Neste punto, lembrou que o último en chegar á escena política estatal foi Sumar, o partido que lidera a vicepresidenta Yolanda Díaz, se ben Raxoi resaltou que "é o Partido Comunista de sempre" e "convén que se saiba".

Pola súa parte, Núñez Feixoo aproveitou para cargar contra a nova rexedora de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, e afirmou que "ocorra o que ocorra" o próximo 23 de xullo, el voltará o día 25, Día da Patria Galega, para acudir á Ofrenda ao Apóstolo e así "substituír a alcaldesa do Bloque", en alusión á decisión de Sanmartín de asistir ese día a todos os actos oficiais agás a misa católica, amparada no laicismo do Estado, como xa fixera no seu tempo Martiño Noriega.

Nos primeiros compases da súa intervención, tras o presidente galego, Alfonso Rueda, e o ex presidente Raxoi; Feixoo declarouse "un máis dos militantes [do PP] da Galiza". "Estou moi orgulloso de seguir sendo un militante da Galiza, como seguirei sendo, e de sentir o caudal de agarimo por cada rúa e pobo da Galiza. De seguir sendo un de vós", manifestou.

Na súa quenda, Rueda prometeu un "resultado histórico" na Galiza, que "será un piar da vitoria" o próximo 23 de xullo. "As cousas van ben", dixo, con prudencia, o mandatario galego, en referencia velada ás enquisas e datos que se manexan e lonxe de "proclamar grandes números".

"Quedan moitas cousas por facer, estás no teu momento, como di o slogan. É o momento de exportar o noso 'sentidiño', de facer política á galega, entendendo que España é plural, vai vir ben. É o momento de dicir basta de aguantar desprezos á Galiza, de castigar á Galiza", engadiu o presidente da Xunta.

Comentarios