23-X

Marta Rivera (PP) acusa Sánchez de "converter o Ministerio de Cultura nunha moeda de cambio"

O PP apela ao "voto útil a Feixoo" para lograr unha "maioría suficiente" que lle permita gobernar e elude citar a Vox.
O PP buscou hoxe o voto polas rúas de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O PP buscou hoxe o voto polas rúas de Lugo. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado; o ex vicepresidente da Xunta e número un ao Congreso por Lugo, Francisco Conde; a líder provincial da formación conservadora, Elena Candia, e a 'dous' da lista por Madrid, Marta Rivera, repartiron na mañá desta segunda feira propaganda electoral polas rúas da cidade amurallada pedindo o voto para Alberto Núñez Feixoo nas eleccións estatais do vindeiro 23 de xullo e participaron nun café con integrantes de Novas Xeracións para abordar as súas propostas en materia de cultura,. Antes, en declaracións aos medios, Prado salientou ao respecto que "a única papeleta que nos garante o cambio que queremos e necesitamos é a do PP e ningún voto pode quedar polo camiño".

Neste senso, instou a exercer o "voto útil" apoiando o Partido Popular, co obxectivo de que "consiga a maioría suficiente para poder gobernar España", sen aludir nas súas palabras a posíbeis futuros pactos coa extrema dereita para chegar á Moncloa. "Todos os que queremos un cambio o 23 de xullo temos a responsabilidade de ir votar, porque a día de hoxe as urnas están baleiras e hai que enchelas de papeletas do PP", insistiu.

"No PP contamos co mellor candidato. Un candidato querido, respectado e que pode saír á rúa porque cada vez que o fai a xente amósalle o seu cariño e o seu apoio", remarcou a dirixente popular, contrapóndoo a un Pedro Sánchez, dixo, "que leva días encerrado coa escusa de preparar o debate" desta segunda feira.

Prado tamén mencionou que, precisamente en Lugo, "por un puñado de votos o cambio non foi posíbel incluso a pesar de recibir o apoio de case a metade dos veciños", referíndose a que as urnas permitiron a PSOE e BNG revalidar o seu Goberno de coalición por outros catro anos.

E a que fora a candidata popular neses comicios, Elena Candia, defendeu que "cando Feixoo goberne, Lugo terá un papel moi destacado no apartado cultural e turístico, como non pode ser doutro modo, tendo en conta o patrimonio material e inmaterial que atesoura".

Tamén en materia cultural, Marta Rivera, conselleira de Cultura de Madrid —designada por Isabel Díaz Ayuso— até o mes pasado, engadiu que "a cultura ten que ser unha cuestión de Estado" porque "non hai nada que identifique tanto o noso país como a achega á historia e á cultura internacional". E afirmou que "nestes cinco anos houbo catro ministros de Cultura e o Ministerio converteuse nunha moeda de cambio para colocar xente e para facer favores políticos".

"Unha cidade como Lugo, que ten un monumento que é Patrimonio da Humanidade, merecería máis atención, máis respecto e unha aposta maior por parte do Goberno", engadiu, ao tempo que asegurou que "desde o Goberno que presida Alberto Núñez Feixoo esa aposta será realidade, entendendo a cultura como un factor de progreso e como unha industria relevante na economía do noso país".

Comentarios