28-M

Rueda pide o voto para Elena Candia, unha candidata "rompedora" que "non se engurra"

"Elena sabe o que quere facer e como facelo, simplemente necesita a confianza maioritaria dos seus veciños e seguir traballando como até o de agora nesta carreira de fondo que empezou hai meses", afirma o presidente da Xunta.
No centro, Elena Candia e Alfonso Rueda, esta mañá, en Lugo. (Foto: Europa Press)
photo_camera No centro, Elena Candia e Alfonso Rueda, esta mañá, en Lugo. (Foto: Europa Press)

O líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, elixiu Lugo para arrincar a campaña electoral e arroupar "unha candidata rompedora" que "non se engurra", termos nos que se referiu a Elena Candia, para a que pediu "moitos apoios", á vez que deu por feito que será alcaldesa após as eleccións municipais do 28 de maio. Así o trasladou nun almorzo informativo decorrido no Hotel Torre de Núñez, ao que asistiron representantes do sector turístico, ante os que ratificou que se espera "un verán espectacular" para o sector e, en termos globais, "un ano espectacular".

"Estabamos a ver cifras de visitantes e prognósticos que non esperabamos tan bos", esgrimiu, antes de subliñar que se trata dunha boa vía de recuperación se se sabe "facer con sentido, que tamén é moi importante, sen volverse tolo" nin "obsesionarse coas cifras e nada máis". Após a pegada de carteis en Santiago e na xornada na que cumpre un ano desde a súa investidura como presidente da Xunta, Rueda celebrou poder arrincar en Lugo o sprint final da carreira cara ás urnas.

"Estou moi contento de poder estar hoxe aquí. Levamos moitos anos nesta cidade tendo maiorías. Pero despois está o tema das alianzas", advertiu, antes de pedir "moitos apoios" para unha candidata "rompedora" que necesita ter "a maioría suficiente" para levar a cabo "todo o que leva pensando e soñando todo este tempo".

De Candia, Rueda afirmou que, se entra na Alcaldía, chegará "sabida". "Sabe como funcionan as administracións, sabe como hai que expor as cousas, é reivindicativa e non vai aceptar un non por resposta", garantiu o dirixente 'popular', quen chanceou con que xa alertou diso a outros posíbeis rexedores. "Elena sabe o que quere facer e como facelo, simplemente necesita a confianza maioritaria dos seus veciños e seguir traballando como até o de agora nesta carreira de fondo que empezou hai meses", agregou.

Pola súa parte, a candidata luguesa iniciou a súa intervención agradecendo aos empresarios da hostalaría e do turismo que "sexan a mellor imaxe e, ás veces, a única imaxe que reciben os turistas", lamentando que a política turística do actual goberno "non estea á altura do que merece o municipio".

En fronte, reivindicou que quere un Lugo que sexa "punta de lanza do turismo do noroeste" e anunciou que, se goberna, impulsará un plan de dinamización económico, así como a creación dun consorcio de dinamización do centro histórico con orzamento, que traballe en colaboración con todas as administracións para lograr que sexa o cuarto Patrimonio Mundial.

Previamente, entre as súas propostas, situou tamén elaborar un plan de turismo desestacionalizado, a creación dunha marca turística propia que reflicta a "singularidade extraordinaria" de contar con tres patrimonios da humanidade (Muralla, Catedral e Camiño Primitivo). Tamén apostou por potenciar o Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio e intensificar a súa colaboración coa hostalaría lucense para "reforzar a gastronomía" como un dos seus principais activos turísticos e culturais.

Comentarios