As 37.000 persoas perceptoras na Galiza da pensión non contributiva (PNC) van recibir nestas semanas os 218 euros cos que a Xunta da Galiza complementa esta prestación estatal. Así o anunciou esta quinta feira o presidente galego, Alfonso Rueda, após a xuntanza semanal do Goberno galego. Unha cantidade, 218 euros, que é a mesma que as perceptoras recibiron en 2022 malia que a inflación aumentou en 3,2% durante o ano pasado —cun incremento nos alimentos de 7,2%—.
Mais se non muda a cantidade do complemento autonómico o que muda é a data de anuncio e, consecuentemente, a do ingreso nas contas deses 37.000 perceptores nun pago único e de forma automática. Alfonso Rueda anunciou esta quinta feira, 1 de febreiro, horas antes do arranque oficial da campaña electoral cara ao 18 de febreiro; o pagamento do complemento. Un anuncio que noutros anos os titulares da Xunta nunca facían a estas alturas do ano.
A orixe deste complemento dirixido a persoas con baixos recursos data de 2009, co impulso do daquela vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, no Goberno galego de PSdeG e BNG. Naquela altura, o complemento beneficiou con 200 euros máis de 50.000 persoas. Ese mesmo ano chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta e do borrador de orzamentos da Xunta para 2010 desapareceron as partidas para o complemento da pensión.
Logo, Feixoo rectificou e foi dando continuidade á medida anualmente, mais manténdoa practicamente intacta na súa contía. A pesar do incremento do IPC neses anos, o complemento da pensión só experimentou subas: pasou de 200 a 206 euros, en 2011; e en 2023 pasou a 218 euros. Mais o IPC desde 2009 até agora aumentou en ao redor de 25%.
Tres anuncios para tres institucións do PP
O presidente galego e candidato do PP nas eleccións do 18-F informou esta quinta que non responderá durante as roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta a preguntas fóra dos acordos adoptados na reunión do seu Goberno mentres dure a campaña para o 18 de febreiro. Farao, segundo sinalou precisamente na súa habitual comparecencia ante a presa após o Consello, para non incorrer en mensaxes que poidan ser considerados como electoralistas, algo que apreciou xa a Xunta Electoral tras unha denuncia presentada polo PSdeG.
Nesa comparecencia Rueda anunciou a sinatura de tres acordos con tres institucións: o Concello de Ferrol e as Deputacións de Pontevedra e Ourense, as tres gobernadas polo Partido Popular.
No primeiro deles, autorizouse un investimento de 18 millóns de euros (50% a conta da Xunta e o resto polo Goberno local) para a mellora de infraestruturas en Ferrol, para "consolidala como cidade do deporte", dixo Alfonso Rueda. O acordo coas deputacións de Ourense e Pontevedra é en materia de labores de loita contra os incendios e elévase a máis de 7 millóns de euros.
Novas axudas a retornados
Rueda tamén anunciou que se aprobara unha nova convocatoria de axudas para emigrantes retornados a Galiza, nesta volta por un importe de un millón de euros. Outra convocatoria de axudas anunciada por Rueda após a xuntanza do Goberno foi a de destinar 1,2 millóns a entidades sen ánimo de lucro que traballan con persoas con trastornos mentais. O Executivo galego tamén deu esta quinta feira o visto e prace a unha nova convocatoria de axudas para centros especiais de emprego. 26 millóns de euros para 130 destes centros. Outras axudas aprobadas foron por importe de 4,4 millóns de euros e destinadas a obradoiros artesanais.
Un acordo para "blindar" a propiedade intelectual dos proxectos de alumnado e profesorado da FP foi outro dos acordos alcanzados na reunión en San Caetano.