Ensino

A Xunta di estar a favor de que as prácticas coticen pero pide atrasar a medida un curso

O conselleiro pide adiar o inicio até o próximo curso 2024-25 para pór en marcha un mecanismo informático "sinxelo e áxil" co que as empresas e os centros educativos poidan xestionar as altas e as baixas á Seguridade Social.
A ministra Pilar Alegría presidiu hoxe a reunión da Conferencia Sectorial de Educación. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A ministra Pilar Alegría presidiu hoxe a reunión da Conferencia Sectorial de Educación. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta da Galiza, Román Rodríguez, manifestouse esta cuarta feira a favor da inclusión do alumnado en prácticas como cotizantes, pero reclamou ao Goberno español que atrase a medida até o inicio do próximo curso 2024-25 para pór en marcha un mecanismo informático "sinxelo e áxil" co que as empresas e os centros educativos poidan xestionar as altas e as baixas á Seguridade Social. Do mesmo modo, Rodríguez suxeriu ao Ministerio de Educación, FP e Deportes que teña máis "diálogo" coas comunidades autónomas nesta materia e deixe de actuar "de maneira unilateral, xerando caos e dúbidas".

Así se manifestou o conselleiro esta cuarta feira durante a Conferencia Sectorial de Educación, decorrida en Madrid e presidida pola ministra Pilar Alegría, ante a previsión de que o 1 de xaneiro se estabeleza a obrigatoriedade de que coticen as prácticas estudantís. Román Rodríguez insistiu en que a Xunta non ve con malos ollos a medida, pero cuestionou o procedemento do Ministerio de Educación.

De feito, atribuíu á "presión" do Goberno galego que esta conferencia sectorial decorrese de maneira presencial. "A ministra [Pilar Alegría] pretendía abordar un tema tan importante como este, a 15 días da súa posta en marcha, sen sentar a dialogar fronte a fronte coas comunidades", reprochou.

Un problema "moi grave"

O conselleiro criticou que a inminente posta en marcha da cotización das prácticas "sen ningunha preparación previa" por parte do Estado "sitúanos ante un problema moi grave" que a Xunta leva advertindo "con lealdade" desde antes do verán. Ante isto, lamenta que os tres ministerios implicados —Educación, Universidades e Seguridade Social— "só se pasaron o problema dos uns aos outros, sen achegar ningunha solución".

Así, co obxectivo de evitar desincentivar a participación de pequenas empresas nos programas de prácticas e que este labor recaia tamén sobre os propios centros educativos, Rodríguez insistiu en que se habilite un sistema informático que axilice a xestión das altas e as baixas.

O Goberno "ataca a FP"

O conselleiro afirmou que o Executivo español "leva tempo adoptando decisións que atacan directamente a FP", citando exemplos como a extinción do corpo de profesores técnicos destes ensinos e a publicación da nova lei, "cuxo calendario de aplicación está a incumprir o propio Ministerio".

"A isto súmase agora a cotización das prácticas, que atenta contra o forte salto cuantitativo e cualitativo que deu a FP na Galiza", aseverou, para reivindicar que o país conta cun "sistema de prestixio que abre a porta ao emprego a miles de mozos e mozas" e que "ten a confianza do estudantes e a conexión do sistema académico de FP coas empresas e os sectores produtivos".

"Non podemos permitir que a improvisación do Goberno central poña en perigo o papel da FP como unha das ferramentas fundamentais para construír a Galiza do futuro", sinalou o conselleiro, quen tamén promete, tanto a alumnos como a centros, que a Xunta "non os vai a deixar indefensos neste escenario, como lamentabelmente si fai o Ministerio".

Comentarios