Estudantes rebélanse contra o Estatuto do Bolseiro: "Segue sen garantir a remuneración e a calidade das prácticas"

O texto aprobado por sindicatos e o Ministerio de Traballo non convence ao alumnado, que demanda unha "reforma integral das prácticas, especialmente no ámbito académico, garantindo a súa formatividade, remuneración, cotización e calidade".
Unha estudante universitaria, tomando apuntamentos (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A CREUP urxe "equiparar" as prácticas extracurriculares a aquelas "con control, limitación e proxecto formativo". (Foto: Europa Press)

A Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP) pediu esta cuarta feira unha nova redacción para o Estatuto do Estudante en Formación Práctica, tras o texto acordado polo Ministerio de Traballo e Economía Social con sindicatos. A organización criticou que, a pesar das reclamacións do estudantado e as reunións mantidas co Ministerio durante os últimos meses, o denominado 'Estatuto do Bolseiro' "ignora" as súas reivindicacións.

Para a CREUP, este texto, negociado na Mesa de Diálogo Social "sen contar" coa participación do estudantado nin a comunidade universitaria, "pretende suprimir as prácticas extracurriculares para eliminar a fraude laboral". Con todo, considera que esta mudanza "suporá un prexuízo directo ao estudantado, que non poderá realizar as súas prácticas se non é perante un contrato de formación, xestionado pola súa propia conta no canto de pola Universidade, como actualmente sucede".

O Estatuto do Bolseiro, segundo explicou a entidade, expón unha moratoria de tres anos para reformar todos aqueles graos universitarios que non teñan prácticas curriculares nos seus plans de estudos, o cal "non garantirá ao estudantado que poida acceder a unha formación práctica, debido á negativa das universidades a reformar os plans de estudos e á "escaseza" na oferta de prácticas "dignas e de calidade".

A organización de estudantes reivindicou a "necesidade" de realizar unha "reforma integral das prácticas, especialmente no ámbito académico, garantindo a súa formatividade, remuneración, cotización e calidade". Igualmente, advertiu que "o principal foco de descontrol e posíbel fraude comeza na universidade, polo que se debe asegurar a participación do estudantado na toma de decisións e elaboración do proxecto formativo".

Tamén rexeitaron que a supresión das prácticas extracurriculares "vaia resultar na eliminación da fraude", reclamando a súa "equiparación" ás prácticas curriculares en "control, limitación e proxecto formativo". "A norma debe antepor a calidade da formación e a oportunidade que esta brinda ao estudantado, sen limitar nin imposibilitar o seu acceso a un desenvolvemento profesional nos seus estudos", sentenciou a organización.

As mudanzas que introduce o Estatuto do Bolseiro

O principio de acordo alcanzado entre sindicatos e o Ministerio de Traballo sobre o Estatuto do Bolseiro, que non foi apoiado pola patronal española, recolle dereitos para o alumnado en prácticas en empresas como as vacacións, o pago de desprazamentos ou que, en ningún caso, superen 20% do persoal total da compañía, malia que si poderán concertar formación con dous estudantes, con independencia do número de integrantes do seu cadro de persoal.

En concreto, o documento ordena que o tempo de desenvolvemento da formación práctica no ámbito da empresa "respecte os límites e descansos, incluídos días festivos e vacacións, fixados nas normas legais e convenios colectivos que resulten aplicábeis ás persoas traballadoras que prestan servizos na empresa".

Aliás, as actividades formativas non poderán desenvolverse en horario nocturno nin por quendas, salvo que, excepcionalmente, as aprendizaxes previstas no plan formativo non poidan desenvolverse noutros períodos, debido á natureza da actividade. Tampouco poderá realizarse a actividade formativa unha vez alcanzado o tempo de formación práctica previsto para o día, semana ou mes correspondente no plan de formación.

O convenio fixa, a respecto da compensación de gastos por parte da empresa ou entidade na que se desenvolvan as actividades formativas, "unha contía mínima suficiente para compensar todos aqueles [gastos] nos que a persoa en formación práctica na empresa incorra como consecuencia desta, tales como gastos de desprazamento, aloxamento ou manutención", aínda que a empresa non estará obrigada a abonar os devanditos gastos se existen outras bolsas ou axudas que os cubran.

Comentarios