18-F

A ría de Vigo convértese en bastión do BNG

Na cidade olívica, a formación que lidera Ana Pontón foi a máis votada

Ana Pontón, este domingo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, este domingo. (Foto: Nós Diario)

Máis de 455.500 persoas optaron este domingo pola papeleta do BNG, o que representa máis do 31,5% dos votos e un total de 25 escanos no Parlamento da Galiza. A forza encabezada por Ana Pontón foi a máis votada na cidade de Vigo.

A pesar de que a súa suba espectacular non foi abondo para mudar a Presidencia da Xunta da Galiza, os resultados históricos do BNG nas eleccións do 18 de febreiro mostran que a batalla entre PP e BNG continúa en alto.

Máis de 455.500 persoas escolleron a papeleta do BNG, que coloca no hemiciclo do Parlamento 25 deputadas e deputados, 6 máis que en 2020. Cun 31,5% dos votos, a formación encabezada por Ana Pontón, que subiu 7,75 puntos en relación ás anteriores eleccións galegas, alcanza a súa porcentaxe máis elevada de toda a serie histórica e logra unha representación en actas nunca antes obtida polo nacionalismo.

O ascenso sostido de sufraxios do BNG mostra a permeabilidade da proposta programática en sectores máis amplos da sociedade. O resultado máis salientábel produciuse na cidade de Vigo, gobernada con maioría absoluta polo PSOE de Abel Caballero e onde o BNG se situou como primeira forza co 36,8% dos votos. Precisamente, a ría de Vigo converteuse en todo un fortín do BNG, ao situarse como a papeleta máis votada en Soutomaior (45,27%); Redondela (39,91%), onde goberna o PSOE; Moaña (46,45%); Cangas (45,65%). Tanto Soutomaior como Moaña e Cangas contan con Alcaldías do BNG.

Tamén se situou como primeira forza o BNG, na circunscrición de Pontevedra, no Grove (43,3%), onde goberna o PSOE; na Illa de Arousa (36,22%), onde gobernan PSOE e BNG; e en Catoira (44,67%), onde o BNG goberna. No total da circunscrición, a formación de Pontón pasa dos 6 aos 8 escanos.

Na circunscrición de Ourense, o BNG asinou os mellores resultados en Vilar de Santos (59,58%); en Verea (53,62%) e en Allariz (52,29%), onde goberna a formación de Ana Pontón. En escanos, gaña 1, sumando un total de 4.

Na da Coruña, conseguiu situarse como forza máis votada en Corcubión (45,72%) e Fene (42,06%), onde o BNG goberna; e Mugardos (38,72%), vila gobernada polo PP. En actas, pasa de 7 a 9.

Na de Lugo, o BNG logrou subir de 3 a 4 actas.

Comentarios