A resistencia de Cancela a demitir mostra que o sector de Sánchez non se dá por derrotado

As espadas continúan desembaiñadas no PSOE. O novo sector oficial traballa xa coa perspectiva de viabilizar a investidura de Rajoy, en tanto que a corrente partidaria de Sánchez non dá a partida por perdida e olla para o Congreso como unha oportunidade de retomar o poder orgánico.

Pilar Cancela_PSdeG
photo_camera Pilar Cancela.

Pilar Cancela non vai demitir como presidenta da xestora. Pedro Sánchez manterá o escano no Congreso. O PSC xa anunciou que votará non a Rajoy con independencia do que faga o resto do grupo parlamentar socialista.

Son indicios que mostran que o sector de Sánchez non se dá por derrotado e que está disposto a plantar batalla ao novo aparato orgánico que controla Susana Díaz. Fontes da contorna do xa ex secretario xeral do PSOE revelaron á Cadena SER que este mantén a intención de concorrer ás primarias, embora admiten que a perda dos mecanismos de poder interno lastra as súas opcións.

O oficialismo camiña sen présas cara á abstención. "Absterse non é apoiar", dixo esta segunda feira Javier Fernández, o presidente da xestora. O tamén titular do goberno asturiano moveuse nunha ambigüidade calculada na súa primeira comparecencia perante os meios. De facto, enfatizou que o non a Rajoy continúa vixente porque o Comité Federal do pasado sábado non variou esa posición. Mais o subtexto da súa intervención indicaba por onde poden ir os tiros: o argumento básico é que unhas terceiras eleccións só favorecerían o PP e poderían colocar o partido de Rajoy á beira da maioría absoluta.

O argumento básico do novo aparato do PSOE é que unhas terceiras eleccións só favorecerían o PP e poderían colocar o partido de Rajoy á beira da maioría absoluta

Unha eventual abstención do grupo parlamentar socialista non sería unánime, isto é, produciríase rotura da disciplina de voto. Así o deixaron entrever as persoas que aspiran a liderar o PSC nas primarias actualmente en curso. Quer Miquel Iceta, este con máis matices, quer Núria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet, deixaron claro que o grupo de parlamentares socialistas catalás votarán en contra de Rajoy con independencia da posición de voto que marque o Comité Federal.

Non só o PSC racharía a disciplina de voto, todo indica que os parlamentares máis afíns a Sánchez, e este mesmo, tamén farían o proprio. Esta segunda feira, Sánchez comunicou por twitter que non renuncia ao escano. Para un secretario xeral recentemente demitido isto só pode significar que se mantén na loita por reconquistar o poder interno.

Os sanchistas teñen na Galiza unha baza non menor: controlan o recén eleito grupo parlamentar

E na Galiza, as espadas tamén continúan no alto. O partido está fracturado, entre a nova oficialidade madrileña, que aquí representan Abel Caballero e Carmela Silva -alcalde de Vigo e presidenta da Deputación de Pontevedra- e o sector de Sánchez, que continúa tendo Pilar Cancela e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como principais referentes. A resistencia de Cancela a demitir indica que a batalla está lonxe de ser resolvida. Os sanchistas teñen unha baza non menor: controlan o recén eleito grupo parlamentar. O control das listas por parte de Ferraz foi de facto un elemento de extraordinaria tensión na precampaña entre o sector de Sánchez e a dupla Caballero-Silva. Neste contexto é moi rechamante o silencio de Xoaquín Fernández Leiceaga. Xa durante a campaña, Leiceaga fixo todo o posíbel por pór terra de por medio entre a súa candidatura e o conflito aberto entre Pedro Sánchez e Susana Díaz.

A batalla final sería, pois, nas primarias estatais. Mais todo indica que non sería un duelo pola candidatura á presidencia do goberno -sendo que o máis probábel é o acordo con Rajoy que evitaría as terceiras eleccións-, senón o combate pola secretaría xeral nun congreso extraordinario aínda por convocar.

Naturalmente, o desenlace da batalla en Madrid condicionará a correlación de forzas final no combate galego entre as forzas que dirixe Caballero e o sector nucleado arredor do anterior secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cuxa influencia continúa a ser decisiva entre os membros da xestora que preside Pilar Cancela.

Comentarios