Rego e Sánchez reúnense esta terza feira ante un posíbel acordo de investidura

O BNG exixe ao Mitma un Plan ferroviario de mantemento e revisións 
Intervención do nacionalista Néstor Rego desde a tribuna do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Intervención do nacionalista Néstor Rego desde a tribuna do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso dos Deputados e das Deputadas, Néstor Rego, manterá esta terza feira, 10 de outubro, unha xuntanza co Presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, no marco do inicio das negociacións para alcanzar un posíbel acordo de investidura, logo de que o candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, fracasara no seu intento.

A este respecto, Néstor Rego deixou claro que "o voto favorábel do BNG á investidura de Sánchez estará supeditado a que se adquiran compromisos claros coa Galiza". "Así llo imos transmitir", afirmou esta segunda feira o deputado nacionalista. 

Mantemento ferroviario

Rego dirixiuse tamén esta segunda ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), do que dependen tanto Renfe como Adif, para pedir explicacións pola avaría ocorrida no Tren Alvia 10211 que obrigou a parar o tren en Taboadela (comarca de Ourense). 

Segundo sinalou a formación nacionalista nun comunicado, o tren facía a conexión Compostela-Madrid e sufriu unha incidencia por fume no último compartimento no tren, e foi evacuado arredor das 21 horas do pasado domingo. As viaxeiras e os viaxeiros denunciaron nas redes sociais que permaneceron retidos no tren máis dunha hora, sen información por parte de Adif.

Ante esta situación, Rego exixiu ao Mitma que informe sobre a incidencia pondo o foco en se a avaría estaba relacionada coa falta de mantemento. Preguntou, ademais, cando foi a última vez que se revisou ese tren.

Desde o BNG alertan do incremento de avarías nos trens da Galiza desde setembro e emprazan o Executivo español a crear un Plan de Mantemento e Revisións. 

Comentarios