"A reforma fiscal é regresiva no social e invade as competencias galegas"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou a medida anunciada polo goberno español por beneficiar "os grandes patrimonios" e empresas. 

vence_capa
photo_camera vence_capa

A organización frontista non apoia a reforma fiscal anunciada polo executivo de Mariano Rajoy. Así o expresou o seu voceiro nacional, Xavier Vence, esta segunda feira en comparecencia de imprensa. Para Vence, a medida "só beneficia as rendas altas e grandes empresas" e non "a maioría social". Asemade, desde o Bloque cren que a reforma "ataca as competencias das Comunidades Autónomas que verán minguados os seus ingresos" o que faría perigar, subliñou Vence, o financiamento dos servizos públicos. 

Vence critica a Feijóo por non defender o país perante a invasión do seu espazo competencial por parte do Estado

@s nacionalistas remarcan que os últimos datos estatísticos oferecidos pola Enquisa de Condicións de Vida do INE desmenten a "propaganda" gubernamental sobre a "recuperación económica". Nesa enquisa, as galegas e os galegos afirman estaren pior que a media estatal no que ten a ver coa situación económica xeral e moi particularmente no que atinxe ao dereito ao traballo e á vivenda.

Feijóo: "un presidente de segunda división"

De por parte, o portavoz nacional da organización frontista criticou especialmente o rol do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de quen dixo que gosta de gardar silencio, "no seu papel de presidente de segunda división". Vence referiuse así á actitude de Feijóo en relación coa reforma fiscal pois, sinalou, embora supor "unha clara inxerencia" nas competencias autonómicas o presidente do executivo galego persiste na "submisión e seguidismo a estratexia centralista do PP". 

Neste senso, o voceiro do Bloque afirmou que "Galiza non pode continuar a perder posicións no taboleiro do Estado" polo que a respeito do debate sobre o modelo de fianciamento que previsibelmente o goberno español abrirá en breve, a formación nacionalista prepara xa un "informe sobre balanzas fiscais" no que, din, se reflicte "un diferencial en contra da facenda galega que, con datos de 2011, supera os 3.000 millóns de euros". 

Comentarios