Transformación dixital, drástica reforma fiscal... estes son os 'deberes' que Red Localis pon aos concellos

A entidade reclama melloras no sistema tributario dos municipios.
Alberto Vaquero, Enrique Varela e Concepción Campos, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Red Localis)
photo_camera Alberto Vaquero, Enrique Varela e Concepción Campos, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Red Localis)

Reformar a fondo o sistema fiscal dos concellos é un dos principais retos aos que se enfrontan as administracións locais nos próximos catro anos. Así o evidencia o último informe —presentado esta segunda feira— da Red Localis, elaborado pola doutora en Dereito Concepción Campos e o profesor de Economía e investigador da Universidade de Vigo Alberto Vaquero. Na presentación, na Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra, participou tamén o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela.

O modelo tributario a nivel municipal "apenas mudou" nas últimas catro décadas, constatan, aludindo a unha "falta de interese" que imposibilitou abordar en profundidade a súa revisión. Os concellos seguen a ser hoxe altamente dependentes doutras administracións, en especial a autonómica e a estatal. Unha situación facilmente palpábel na Galiza, onde a dependencia das entidades municipais é maior que a da media do Estado español.

Desde Localis demandan unha mudanza no modelo que siga "pivotando" sobre os bens inmóbeis pero que explore tamén novas vías, como gravar a renda individual e a actividade económica. "Non se pode perder de vista que unha parte moi significativa dos bens e servizos prestados polos concellos van dirixidos a persoas concretas e garanten servizos que inciden directamente sobre a actividade económica", xustifican.

O informe de Localis pide tamén unha "maior participación" dos entes locais na actualización dos valores catastrais, que condicionan a recadación do IBI, así como non caer na "xenerosidade mal entendida" aplicando tipos impositivos reducidos ou con grandes bonificacións nos tres impostos obrigatorios (IBI, IAE e IVTM). "Contar cons servizos públicos locais de calidade exixe corresponsabilidade tributaria da cidadanía", din.

Finalmente, poñen o foco tamén nos "síntomas evidentes de ineficacia recadatoria" na xestión tributaria municipal. Mellorar este sistema, afirman, "reduciría a excesiva dependencia económica dos concellos galegos doutras administracións públicas".

Dez recomendacións

O documento de Red Localis conclúe presentando dez recomendacións para os concellos de cara ao período 2023-2027, moi semellantes ás expostas nos anteriores informes elaborados pola entidade e que, cada vez máis, poñen o foco na "imparábel" transformación dixital.

  1. Potenciar a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) mediante o proceso de identificación, implementación e a súa vixilancia no nivel local para a Axenda 2030, para avanzar no desenvolvemento sostíbel.
  2. Garantir a seguridade da cidadanía en todas as súas dimensións: cidadá, cibernética, e viaria, xestionando os novos riscos que se presentan, en particular, cos riscos asociados ás novas tecnoloxías desde a óptica local.
  3. Mellorar a planificación estratéxica a nivel urbano como unha das solucións fronte ao despoboamento e o reto demográfico.
  4. Reorganizar o papel das Deputacións Provinciais e outras organizacións supramunicipais con relación aos municipios de menos de 20.000 habitantes, dos que son aliadas naturais e insubstituíbeis en numerosos ámbitos.
  5. Reformar a fiscalidade local para garantir maiores doses de eficiencia e de adecuación dos tributos á realidade local.
  6. Potenciar o papel dos concellos emprendedores (Doing Business), como axentes dinamizadores da economía e o emprego.
  7. Unha maior profesionalización do mundo local para poder levar a cabo o proceso de transformación en administracións públicas do século XXI, en especial no ámbito da contratación pública.
  8. Promover unha maior (e mellor) gobernanza intermunicipal aproveitando as oportunidades de colaboración e xeración de alianzas, formais e informais, entre o sector público.
  9. Mellorar o funcionamento das Mancomunidades, como entidades locais asociativas que permitan unha mellor prestación de servizos públicos, salvo que sexa inviábel facelo.
  10. Contribuír significativamente á transición ecolóxica, a través da contratación pública, pero tamén mediante o redeseño do territorio e a mobilidade.

Comentarios