Rajoy defende un "goberno amplo" con PP, PSOE e Ciudadanos

En comparecencia de imprensa amosou a súa vontade de encabezar o novo executivo ou candidatarse nunha nova convocatoria electoral.

Mariano Rajoy e Pedro Sánchez
photo_camera Mariano Rajoy e Pedro Sánchez

Mariano Rajoy apostou esta terza feira (29 de decembro) en conformar un goberno de "amplo apoio" que integrarían PP, PSOE e Ciudadanos. Así o asegurou en comparecencia de imprensa após a xuntanza do Consello de Ministros en funcións. 

Perante os medios de comunicación Rajoy amosouse en disposición de formar executivo e asegurou que así llo transmitiu aos líderes de PSOE, Podemos e Ciudadanos cos que se reuniu nos últimos días na Moncloa. "O PP gañou as eleccións e vai tentar formar goberno porque é a súa obriga", dixo. 

Neste senso, defendeu con clareza e por vez primeira unha grande coligazón como "o máis razoábel" e "o que máis se axusta á vontade maioritaria". Nese "goberno de amplo apoio" estaría PSOE e Ciudadanos cos que podería, sinalou, "acometer por amplos consensos as reformas que precisa España". Neste senso, non descartou que outras forzas para alén do PP poidan facer parte do executivo nalgún Ministerio. "Iso xa son detalles, habería que falalo", apuntou. 

Embora o PSOE asegurar que non apoiará nen o PP nen a Rajoy para formar goberno, algunhas voces dentro da organización apostan na abstención o que, de facto, permitiría gobernar en minoría o Partido Popular. 

Así as cousas, a primeira decisión que deberá ser adoptada é a escolla da presidencia do Congreso e da Mesa. Neste senso, Pedro Sánchez reclamou para o grupo socialista esta responsabilidade institucional ao que tamén retrucou hoxe Rajoy. "Pretender presidir con 90 escanos non é razoábel". A presidencia, acrecentou, "debe ser da forza política que teña máis apoios, neste caso o PP". 

Comentarios