A xunta de portavoces dá luz verde ao calendario de investidura: Estas son as datas chave

Os grupos aproban o calendario para a investidura de Rueda na primeira xunta de portavoces da lexislatura. Oxea, único deputado de DO, expresa a súa intención de participar en todas as comisións coa dúbida de Pesca "por razóns obvias"

Xuntanza de portavoces decorrida esta segunda feira no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Xuntanza de portavoces decorrida esta segunda feira no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

A primeira xunta de portavoces da XII Lexislatura do Parlamento galego deu luz verde ao calendario para a investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza, que fechará coa toma de posesión como presidente da Xunta o sábado 13 de abril.

A xunta de portavoces decorrida esta segunda feira serviu, ademais de para aprobar o calendario do arranque da lexislatura, para configurar a composición de comisións e deputación permanente en reflexo dos resultados das eleccións do pasado 18 de febreiro.

Así, o grupo do PP ocupará nove asentos nas comisións, o BNG terá cinco e o PSdeG ve reducida a súa presenza até os dous asentos. En todas elas manifestou a súa intención de participar o único deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que deixou a porta aberta a renunciar ao seu espazo na comisión de Pesca "por razóns obvias", ao ser Ourense a única provincia galega sen saída ao mar.

Deste xeito, o Parlamento da Galiza acollerá a cuarta feira 16 de abril a sesión solemne de apertura da XII Lexislatura xa co Goberno en pleno funcionamento nas cadeiras de brazos azuis do hemiciclo. Con este pleno solemne formalmente arrincará este novo período político de catro anos, o quinto consecutivo con maioría absoluta do PP e a primeira lograda por Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro, con 40 escanos.

Como é habitual o debate de investidura durará dúas xornadas. Neste caso, segundo figura no borrador de calendario proposto polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, o debate arrincará a segunda feira 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo do candidato á Presidencia.

Tras un día de receso, intervirán os grupos parlamentarios no pleno, o candidato responderá e fecharase a xornada coa votación do novo presidente da Xunta. Antes, o 1 de abril (segunda feira de Pascua), terá lugar a constitución das comisións e ao día seguinte arrincarán as consultas do presidente do Parlamento cos representantes dos grupos parlamentarios para a elección á Presidencia da Xunta.

O 4 de abril, volverá reunirse a Mesa e a xunta de portavoces para tomar coñecemento da proposta de candidatura, ordenar o debate e fechar o acordo de repartición de escanos.

Fuxir da "crispación"

Así bota a andar unha nova lexislatura na que o PP expresou a súa vontade de desenvolver "o moi ambicioso programa electoral" co que concorreron ás eleccións nas que lograron 40 deputados.

O portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, fixou como obxectivo "non defraudar as expectativas xeradas" nun momento no que a Galiza "xógase moito", ademais de querer "seguir sendo" a "referencia de estabilidade" fronte ao "barullo" da política estatal que atribúe ao "inestábel" Goberno de Pedro Sánchez "manexado polos independentistas".

Nesta liña, manifestou que o PP está "aberto a negociar" coa oposición pero cre que será difícil porque "xa se está vendo" que "o talante moderado" que, di, mostrou o BNG "en campaña" acabou "o día das eleccións". "Non esperaron á constitución do Parlamento para pedir unha comisión de investigación sobre a compra de material sanitario durante a pandemia ou sobre supostas anomalías na contratación da Xunta", espetou Pazos Couñago.

E é que a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, avanzou que o seu grupo pedirá explicacións na Cámara sobre "o abuso" na "fragmentación" de contratos que, di, empregou a Xunta de forma "perversa" para entregar "contratos a dedo" por valor "de 4.000 millóns de euros" no últimos cinco anos.

Neste sentido, sinalou que entre 2018 e 2023 a Xunta "concedeu 1.311 contratos a dedo" á empresa Eulen, que, como subliñou Rodil, está dirixida por Micaela Núñez Feixoo, irmá do ex presidente da Xunta e líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo.

Para o BNG, a "práctica sistemática" da "contratación a dedo" do Goberno galego causa "un grave prexuízo económico" para as arcas públicas e "tamén ao tecido económico" galego porque "furta a posibilidade" de "moitas" empresas de acudir á licitación pública.

Besteiro estréase como portavoz

A reunión desta segunda feira tamén serviu a José Ramón Gómez Besteiro para estrearse como portavoz parlamentario do Grupo Socialista, que encara a lexislatura coa intención de levar a cabo un traballo de oposición "firme, construtivo e moi propositivo".

Neste sentido, incidiu en que queren "diferenciar" o seu "ton" co que se escoita "noutras cámaras" como o Congreso español, que ve marcado polo “labor de oposición destrutiva" do PP en Madrid.

Comentarios