Investidura

O PSOE preguntará ás súas bases se aceptan a amnistía en Catalunya

A data e a redacción da consulta interna serán anunciadas o sábado.
Pedro Sánchez, a sexta feira. (Foto: Moncloa)
photo_camera Pedro Sánchez, a sexta feira. (Foto: Moncloa)

O presidente en funcións do Estado español, Pedro Sánchez, tamén líder do PSOE, fixo público a sexta feira que no Comité Federal da formación que decorrerá o sábado será aprobada a organización dunha consulta arredor dos acordos con outras formacións para a investidura de Sánchez no Congreso. A data da consulta e a pregunta concreta serán anunciadas após a xuntanza.

Ademais de Sumar, co que xa asinou un pacto para constituír un Goberno de coalición, o mandatario depende do apoio das forzas nacionalistas de Catalunya, Euskadi e a Galiza para continuar no cargo e evitar unhas eleccións que ficarán convocadas se o 27 de novembro ningunha candidatura á Presidencia obtén o apoio maioritario do lexislativo.

Amnistía

Mentres o Bloque Nacionalista Galego reclama compromisos na aplicación dunha axenda galega, EH Bildu e o Partido Nacionalista Vasco solicitan avanzar na reforma territorial do Estado, e as forzas catalás, Esquerra Republicana de Catalunya e Junts, exixen, entre outras cuestións, a amnistía ás persoas independentistas represaliadas pola súa participación no proceso de autodeterminación catalán.

O anuncio de Sánchez produciuse antes de que na reunión da dirección do sábado, o sector da formación que rexeita a amnistía, encabezado polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, cuestione que Sánchez acepte a medida.

Críticas dentro do PSOE

Page reiterou que para aceptala, o primeiro é que os partidos nacionalistas cataláns renuncien á autodeterminación, algo que deixaron claro que non pasaría, pois entre os puntos a debate co PSOE está a forma de avanzar no desenvolvemento dunha consulta de independencia.

Comentarios