Eleccións europeas 2024

O PSOE e o PP, ambos á baixa, sitúanse en empate técnico de cara ás eleccións europeas

A Coalición Agora Repúblicas (Esquerra Republicana de Catalunya, EH Bildu, Bloque Nacionalista Galego e Ara Més)- situaríase en 2,2% das papeletas e como sexta forza estatal. Ademais, Podemos (2,3%) achégase a Sumar (2,9%).
Sondaxe do CIS para o Parlamento da UE divulgada a terza feira. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Sondaxe do CIS para o Parlamento da UE divulgada a terza feira. (Imaxe: Nós Diario)

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sitúa ao PSOE e ao PP en empate técnico en intención directa de voto para as eleccións europeas do 9 de xuño, con 19,3% disposto apoiar a candidatura socialista que se presente e 19,2% a do PP, segundo se recolle nunha enquisa sobre Opinións e Actitudes ante a Unión Europea (UE).

O CIS xa incluíu no seu barómetro de abril unha primeira pregunta directa sobre as eleccións ao Parlamento Europeo, e entón o PP aparecía na cabeza cun punto porcentual de vantaxe sobre o PSOE: 23,4% fronte a 22,4%, aínda que 21,8% das persoas enquisadas dixo que non sabía que vai votar nestes comicios, outro 3,2% que evita pronunciarse, 3% que menciona a outras formacións, mentres que 3,5% xa pensaba en absterse.

Na enquisa sobre Opinións e actitudes ante a UE, feita pública esta terza feira e baseada en 3.750 entrevistas telefónicas realizadas do 9 ao 13 de abril, unha semana despois que o barómetro, o CIS volveu a preguntar pola intención de voto ante os comicios do 9 de xuño.

PSOE e PP perden tres e catro puntos nunha semana

Trátase doutra pregunta directa para unha resposta espontánea, sen 'cociña' nin cálculo de estimación de voto, e agora o resultado é un empate e son máis os enquisados que aínda non se pronuncian.

Así, se mañá mesmo fosen as eleccións europeas, un 19,3% dos entrevistados xa anuncia a súa intención de votar ao PSOE e un 19,2% ao PP, e todo iso a pesar de que ningún dos dous grandes partidos estatais desvelou a súa cabeza de lista para as europeas do 9 de xuño.

Moi lonxe aparecen Vox con 4,7%, Sumar con 2,9% e Podemos con 2,3%. Moi perto estaría a Coalición Agora Repúblicas (Esquerra Republicana de Catalunya, EH Bildu, Bloque Nacionalista Galego e Ara Més), que se situaría en 2,2% das papeletas e como sexta forza estatal.

Aumentan os indecisos

Mais iso si, nesta segunda enquisa hai 31,8% de enquisadas que aínda non sabe que papeleta collería, 6% que evita contestar, e outro 4,7% que asegura que non votaría. É dicir, entre unha enquisa e outra, con apenas unha semana de diferenza, o PSOE e o PP deixáronse entre tres e catro puntos porcentuais en voto directo e as indecisas subiron dez puntos.

As eleccións europeas xa están formalmente convocadas, esta semana acaba o prazo para constituír coalicións e non tardarán en coñecerse todos as cabezas de lista, e é previsíbel que en maio o CIS xa presente unha primeira enquisa preelectoral na que, ademais das preguntas de intención directa de voto, engadirá un cálculo de estimación de voto.

Comentarios