Xustiza

O PSOE de Ponteareas denuncia na Fiscalía as "prácticas caciquís" da alcaldesa Nava Castro

"A alcaldesa utiliza a institución municipal e os medios públicos ao seu antollo, incumprindo toda a lexislación de persoal, debido a que está a utilizar persoal do PP e mesmo familiares seus en tarefas municipais, sen que estas teñan ningunha vinculación laboral nin de representación na actualidade co Concello", censura o grupo socialista.
A responsábel de Turismo da Xunta da Galiza, Nava Castro e agora alcaldesa de Ponteareas (Foto: Arxina).
photo_camera A ex responsábel de Turismo da Xunta da Galiza e agora alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. (Foto: Arxina)

O grupo municipal socialista de Ponteareas, na comarca do Condado, vén de avanzar que porá proximamente en mans da Fiscalía as "prácticas caciquís" da alcaldesa deste municipio, a 'popular' Nava Castro. Nun comunicado remitido aos medios esta terza feira, o PSdeG denuncia que no pleno decorrido esta segunda feira a rexedora "admitiu que un familiar seu usa instalacións municipais" por consideralo "persoal da súa confianza".

O PSdeG-PSOE denuncia a "gravidade" destes feitos, entendendo que "a alcaldesa utiliza a institución municipal e os medios públicos ao seu antollo, incumprindo toda a lexislación de persoal, debido a que está a utilizar persoal do PP e mesmo familiares seus en tarefas municipais, sen que estas teñan ningunha vinculación laboral nin de representación na actualidade co Concello", censuran.

Vanesa Fernández, a portavoz socialista en Ponteareas, lembrou que "non existe ningunha praza no persoal do Concello para cargos de confianza". E, na mesma liña, asegurou que non van consentir que Nava Castro "faga do Concello o seu chiringuito particular".

A raíz destes feitos, Fernández confirmou que o PSOE elevará o caso por escrito á Fiscalía para que a alcaldesa "cese nestas condutas irregulares" que, afirmou a concelleira, "lembran a época do enchufismo en Ponteareas".

Nava Castro xa fora concelleira de Ponteareas entre 1999 e 2000, logo de que o seu pai, o ex alcalde José Castro —que fora procurador nas Cortes franquistas e que mantivo o busto do ditador Francisco Franco no municipio até que foi retirado en 2003—, fose expulsado do PP ao ser condenado por falsidade documental e creara o seu propio partido, a UCP.

Foi nomeada alcaldesa no ano 2000, cando o pai quedou inhabilitado pola Xustiza, e ficou no cargo até 2003. Tras os comicios dese ano ocupouse como edil da área de Servizos Sociais e da tenencia de Alcaldía.

Nas eleccións do pasado 28 de maio a lista do PP foi a máis votada con sete escanos, un máis que a do BNG, encabezada pola candidata á reelección Cristina Fernández, que ficou a 350 votos de distancia. Logrou ser investida ao non alcanzar ningunha candidatura a maioría absoluta que marcan os 11 edís neste concello, pois ACIP optou finalmente por votarse a si mesmo.

Comentarios