O futuro de Monterroso, en mans do ex alcalde socialista Gato: a militancia pide que se aparte para negociar con BNG e PG

Tanto o Bloque como o Partido Galego, cuxos edís son imprescindíbeis para que o PSOE goberne, puxeron como condición en campaña que o alcaldábel sexa un socialista distinto de Antonio Gato, quen non está disposto a renunciar á acta: "Podemos ter un concello liderado por unha persoa de esquerdas en coalición co PG e o BNG ou que estes señores non se poñan de acordo e a Alcaldía quede en mans do PP".
Antonio Gato e José Tomé, primeiro e segundo pola esquerda, nunha comparecencia recente. Foto: Europa Press)
photo_camera Antonio Gato e José Tomé, primeiro e segundo pola esquerda, nunha comparecencia recente. Foto: Europa Press)

O PSOE do municipio de Monterroso, na comarca da Ulloa, reunido en asemblea este domingo, acordou pedir ao seu propio candidato á Alcaldía, Antonio Gato, que dea un paso á beira para que os socialistas poidan negociar un goberno co Partido Galego e o BNG e evitar, así, que goberne o PP, a lista máis votada nas pasadas eleccións do 28 de maio. Mentres, Gato desbota renunciar, tal e como exixen os potenciais socios do PSOE, e confirma que este sábado 17 de xuño estará no Concello para recoller a súa acta de concelleiro.

Os resultados das pasadas eleccións municipais do 28 de maio deixaron unha corporación con cinco partidos para só once actas, cun resultado moi axustado. O PP fíxose con tres; o PSOE, con outras tres; Independentes por Monterroso (IxM) e Partido Galego, con dous cada un, e o BNG, coa última. Durante a campaña electoral, tanto o PG como o Bloque defenderon que non pactarían co que xa fora alcalde desta localidade entre 1999 e 2015 —alén dun ano en 2019 baixo as siglas de Independentes por Monterroso— e agora, con esta repartición de cartas, mantéñeno.

Neste contexto, a agrupación local do PSOE decidiu en asemblea pedir ao seu candidato que dea un paso á beira para facilitar as negociacións con estas formacións, que piden un candidato socialista alternativo. Fontes da agrupación local trasladaron en declaracións recollidas pola axencia Europa Press que "a maioría" da asemblea socialista concluíu a mesma idea: "Garantir a gobernabilidade de Monterroso participando sexa como sexa". Así, recoñecen que as premisas que poñen os demais partidos "xa as sabe todo o mundo".

Con esta situación, piden "esquecer os personalismos" e lembran que Gato, que nestes momentos non é militante socialista e nos anteriores comicios concorreu cunha candidatura independente tras perder a Alcaldía en 2015, "tentou pactar co PP", algo que "a xente non esquece". As mesmas fontes dos socialistas monterrosinos cualifican os resultados do pasado 28-M como "malísimos", ao pasar a candidatura do PSOE de 800 votos a 680, polo que consideran que "xa non hai escusas para aferrarse ao posto".

En canto á postura dos demais partidos políticos que obtiveron representación, explican que xa manifestaron a súa posición durante a campaña e que "a xente votou consecuentemente". "Agora xa nos manifestamos e a convocatoria da asemblea asinouna case a totalidade da agrupación e non podemos facer moito máis. Agora queda esperar acontecementos e tócalle aos órganos do partido decidir ou esperar a que goberne o PP", apuntan. Con todo, outros membros do PSOE monterrosino si defenden que se a candidatura foi encabezada por Gato, agora "calquera solución ten que ser empezando por el".

Gato recollerá a acta

Pola súa parte, Antonio Gato, en declaracións a Europa Press, manifestou que "non hai ningunha circunstancia" que lle impida estar na corporación. "O que crea que eu non vou ir o día 17 a coller a miña acta de concelleiro está moi equivocado", sentenza, tras lembrar que, malia que agora non é militante do PSOE, si pertenceu ao partido durante 45 anos.

Gato non cre que deba afastarse para que os socialistas poidan dialogar co Partido Galego e co Bloque. "Iso xa o fixen eu aos dous ou tres días das eleccións. Aínda estou agardando pola resposta", asegura. Sobre os que opinan que é "un atranco", o cabeza de lista da candidatura do PSOE monterrosino sostén que a el, no ámbito interno, "ninguén" llo dixo. En todo caso, na súa opinión, se é "un obstáculo" serán "o resto dos partidos os que decidan". "Son afirmacións gratuítas", defende.

Con todo, Antonio Gato asegura que segue a contar co apoio tanto do secretario xeral provincial, José Tomé, como da secretaria de Organización, Pilar García Porto, así como dalgúns membros da agrupación local. Ante esta situación, Gato ve dúas opcións en Monterroso o vindeiro sábado: un concello liderado "por unha persoa de esquerdas en coalición co PG e o BNG" ou que "estes señores non se poñan de acordo e a Alcaldía quede en mans do PP".

O ex rexedor volveu insistir en que agora non pode "deixar na estacada" os electores que o apoiaron o pasado 28 de maio. "Non é posíbel que os abandone", asevera. "Non son socialista de carné, si que o son de ideoloxía e morrerei séndoo", afirma, antes de lanzar unha mensaxe aos críticos: "Os de carné, cando viron que Tomé me convidaba a encabezar a candidatura, aí puideron eles facer propostas e facer manifestacións dicindo que non lles parecía ben".

O BNG mantén o 'non'

Mentres, o BNG mantén a idea defendida en campaña de non apoiar a investidura de Antonio Gato, porque cre que "non é o futuro" e non é "nin unha cara nova, nin aire fresco e renovación". Por iso, o candidato nacionalista, Brais Vázquez, considera que a solución pasa por "outro alcaldábel" do PSOE. Con todo, apunta que "quedan moitas cousas por falar" e o Bloque quere negociar como sería o seu apoio.

Á espera do que suceda durante esta semana, Brais Vázquez só ve dúas opcións polo momento: que goberne o PP en minoría ou que marche Gato "e o PSOE queira pór a alguén que escoite o que pidamos BNG e PG".

Comentarios