O PSOE libérase da presión sobre a aprobación das contas: "Non hai ningún drama en traballar coa prórroga orzamentaria"

O ministro español de Transportes, o socialista Óscar Puente, afirmou esta sexta feira que sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2024 non é "unha cuestión perentoria".
O ministro español de Transportes, Óscar Puente (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Transportes, Óscar Puente (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O ministro español de Transportes, o socialista Óscar Puente, afirmou esta sexta feira que sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2024 non é "unha cuestión perentoria", aínda que recoñeceu que "estaría ben" facelo porque "lanza unha mensaxe de estabilidade".

"Non hai ningún drama en traballar coa prórroga orzamentaria porque a estabilidade depende de moitas cousas: non só do que faga o Goberno estatal e os seus socios, tamén da actitude da oposición", recalcou, en alusión ao PP, nun almorzo informativo da Cadena SER.

Puente defendeu que os OXE de 2023 son "bos", do mesmo modo que as contas do seu departamento, polo que permiten "seguir traballando cos fondos europeos". Por tanto, desligou a aprobación das contas de 2024 da estabilidade do Goberno.

"Sexamos claros, non houbo estabilidade desde o día despois da moción de censura de Pedro Sánchez porque a actitude do PP é de cuestionamento permanente ao Goberno e dunha estratexia de acoso e derrubamento por terra, mar e aire", afirmou.

"E iso non vai parar”, augurou. “Non son nada optimista: levamos case seis anos de Goberno e a relación entre dous partidos como o PP e o PSOE é imprescindíbel", acrecentou. Segundo defendeu, fai falta que os dous principais partidos cheguen a acordos e manteñan un espazo de diálogo e entendemento, aínda que tamén de confrontación. "Que non fose posíbel é malísimo", lamentou.

Nesta liña, Puente mostrouse "escéptico" coa estabilidade porque "quen máis ten que facilitala, e máis nun escenario parlamentario fragmentado, non está polo labor". Como exemplo, apuntou ao bloqueo da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e a que a amnistía sexa "a última escusa" do PP para non facelo. "Fago un chamamento de que isto non pode seguir así, mais non sei se alguén escoitará", manifestou.

Respecto a se o Goberno español acabará a lexislatura, reiterou a vontade de Pedro Sánchez de "esgotar o mandato" e sinalou que a fragmentación do Congreso estatal non depende do PSOE “senón dos votantes". "Os cidadáns son os que reparten as cartas, non podemos ir a eleccións até que saia o resultado que eles queren", espetou ao PP.

Exixe ao PP firmeza coa igualdade

Preguntado por este 8 de Marzo, Día da Muller, o ministro socialista instou o PP a ser máis firme en materia de igualdade e a non dar pasos atrás na loita contra a violencia machista. "Nunha sociedade tan crispada, os consensos son un bálsamo", ilustrou, polo que reprochou aos populares que "abdiquen" deses acordos "por moito que necesiten o apoio de Vox".

Comentarios