O PSdeG reprende a Xunta por ocultar datos a Concellos

Piden saber os criterios que rixen as restricións.
Hoxe decorreu no Hórreo a comisión parlamentar de Sanidade. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Hoxe decorreu no Hórreo a comisión parlamentar de Sanidade. (Foto: Parlamento da Galiza)

O PP opúxose hoxe no Parlamento a unha iniciativa que instaba a Xunta a manter informados os Concellos galegos e a explicar os criterios que rexen a toma de decisións con respecto á pandemia. Julio Torrado, portavoz de sanidade do PSdeG e promotor da iniciativa, puntualizou que non se trata de "debater os baremos, senón de compartir os criterios que dirixen a toma de decisións”, que "deben ser públicos por transparencia" para que "non exista unha percepción de inxustiza e contribúan a alimentar o escurantismo”.

O socialista explicou que “non se pode debater contra os criterios técnicos, pero si xerar sospeitas se non se queren compartir” e sinalou que, malia que as e os técnicos sexan quen fan as análises, as decisións son “políticas” e “corresponde aos Gobernos tomalas”. 

Torrado cualificou de "estraño" que "se queiran ocultar" os criterios "cando as e os profesionais avalían que deben ser públicos”, e engadiu que "hai moitos outros criterios” que se deben atender, alén do número de casos activos e contaxios", como poden ser "o número de camas dispoñíbeis ou a dispersión dos gromos".

O socialista afirmou que “moita xente non entende” que dous concellos veciños de 10.000 habitantes con 100 persoas contaxiadas teñan restricións diferentes porque descoñecen que hai factores que inflúen como a idade media, o nivel de hospitalización ou a localización dos gromos.

Por iso, Torrado reclamou á Xunta que informe as Alcaldías da situación dos seus concellos, e sinalou que “hai rexedores aos que se informa e outros que saben das decisión polos medios", como o da Illa de Arousa, dixo. 

Acordo para O Carballiño

A comisión de Sanidade da Cámara galega aprobou esta cuarta feira por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo do PSdeG para pedir ao Goberno galego que incorpore a reforma do Centro de Saúde do Carballiño nos Orzamentos da Xunta para o ano 2021. A iniciativa, que foi transaccionada cunha emenda do PP, incorpora o compromiso de incluír obras maiores dentro do futuro Plan de infraestruturas sanitarias. 

A parlamentaria socialista Marina Ortega alertou das necesidades sanitarias urxentes deste concello, cunha  poboación de 14.300 persoas pero que dá servizos a case 30.000 habitantes da zona, e que xa foron reivindicadas desde o propio Concello do Carballiño.

Comentarios