O PSdeG presentará iniciativas parlamentarias para que a Xunta "pare" de "fechar aulas e minguar persoais"

Desde o PSdeG denuncian que "durante a época de Feixoo e agora de Rueda fecháronse un de cada dez colexios públicos na Galiza".
Begoña Roríguez Rumbo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Begoña Roríguez Rumbo (Foto: Nós Diario).

Segundo trasladou o PSdeG nun comunicado, nas últimas semanas recibiron "protestas constantes" de pais e nais de alumnado, así como do profesorado dun “gran número de centros de ensino por toda a Galiza aos que lles está chegando a planificación de fronte ao novo curso escolar con recorte de aulas, unidades ou persoal educativo".

Algúns destes casos, xa denunciados polos socialistas, son o do CIFP Ánxel Fole da Coruña, o CEIP A Ponte de Ourense ou o CEIP Xesús San Luis Romero de Carballo (comarca de Bergantiños).

Ante o que consideran "goteo incesante de recortes", a viceportavoz socialista no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou aos populares por dicir que defenden o sistema público de educación, mais "a realidade é que durante a época de Feixoo e agora de Rueda fecháronse un de cada dez colexios públicos na Galiza".

Por iso, os socialistas entenden que a Xunta "ataca un apartado fundamental do Estado de Benestar para o progreso da sociedade".

Así mesmo, Rodríguez Rumbo reiterou que o PSdeG seguirá presentando iniciativas para que "paren con estes recortes" e que lle esixirán ao Goberno galego "unha educación pública, universal, gratuíta e de calidade".

Comentarios