O PSdeG exixe a destitución da xerente de Sergas, a quen ve como "cabalo de Troia da sanidade privada"

"Só se entende este nomeamento se responde a intereses ocultos", afirma José Manuel Lage Tuñas.
A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. (Foto: Xunta)
photo_camera A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. (Foto: Xunta)

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, avanzou esta terza feira en rolda de prensa que o seu partido empregará a pregunta oral que exporá no pleno do Parlamento desta cuarta feira ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reclamar a destitución da nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, após xustifica que non haxa un pediatra en cada centro de saúde.

Nunha entrevista publicada o domingo por La Voz de Galicia, a nova xerente do Sergas dixo que "a poboación ten que entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde". Para os socialistas, estas palabras demostran que Rueda puxo á fronte da rede sanitaria pública "un cabalo de Troia da sanidade privada" e que "só se entende este nomeamento se responde a intereses ocultos".

Lage Tuñas asegurou que se trata "dunha indecencia non vista até o de agora na política galega" e que "esta señora, con desvergoña, mostra a verdadeira cara do PP".

Así, precisou que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), "en 2022 hai na Galiza 318 pediatras en Atención Primaria, mentres que en 2004 había 405". Aliás, engadiu que "hai 192 concellos sen servizo de pediatría, máis de 60% da superficie galega".

Así mesmo, o secretario de Organización do PSdeG destacou que "se trata dun asunto de máxima prioridade" e que "o PP leva 13 anos desmantelando o sistema sanitario". Tamén apuntou que "hoxe na Coruña a primeira cita en Pediatría é para dentro de 14 días" e que isto ocorre "pola diminución do persoal de Atención Primaria de forma sanguenta".

Os socialistas galegos ven a pregunta oral que formularán ao presidente galego como "unha ocasión para ver se Rueda comparte a indecencia de López-Pardo e que os galegos non necesitan pediatras nos centros de saúde ou rectifica". No caso de que o xefe do Executivo galego "non tome decisións", Lage asegurou que iniciarán, pola vía parlamentaria, os trámites para pedir o cesamento da actual xerente do Sergas.

Noutra orde de asuntos, o PSdeG vai presentar un plan de mellora da Atención Primaria e, máis concretamente, de Pediatría. O socialista explicou que "en 2009 había un plan aprobado con todas as forzas sindicais e quedou sen resposta coa entrada de [Alberto Núñez] Feixoo", polo que os socialistas porán sobre a mesa "un plan para reforzar a Atención Primaria a curto, longo e medio prazo".

Comentarios