O PSdeG empraza o Goberno galego a elaborar o mapa da explotación sexual

Noa Díaz sinala como obxectivo “rematar co sistema prostitucional”.
Rolda de prensa das socialistas Noa Díaz e Silvia Fraga.
photo_camera Rolda de prensa das socialistas Noa Díaz e Silvia Fraga. (Foto: Nós Diario)

En vésperas do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata -que se conmemora hoxe sábado-, o PSdeG pediu á Xunta da Galiza un informe de seguimento do Plan galego contra a trata para que este "non sexa papel mollado".

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, e a portavoz socialista de Igualdade no Parlamento, Noa Díaz, presentaron unha batería de iniciativas que levarán á Cámara galega para tratar de coñecer "cales son as medidas" dese plan e se "xa se executaron". "Apoiamos este plan, mais non sabemos absolutamente nada", lamentou Noa Díaz. Así, a deputada socialista pediu que se presente no Parlamento un informe "exhaustivo" con estatísticas para facer "un mapa da prostitución e a explotación sexual" na Galiza.

Nesta liña, espera que o plan "non quede en papel mollado", xa que, na súa opinión, "apróbase sen coñecer cal é a situación real da prostitución". Ademais, lembrou que a vixencia do documento, que viu a luz verde en 2022, concluirá en 2024, polo que entende que "tras case dous anos de aplicación, xa debe haber ese estudo". Así mesmo, demandou que desde a Administración se poñan en marcha outras medidas como actuacións para "comezar a perseguir os proxenetas e tratantes de mulleres e meniñas".

"Comezar a impulsar as modificacións lexislativas necesarias para ter unha Galiza libre de prostitución, garantindo sempre a protección das mulleres", reivindicou tamén.
Pola súa parte, Silvia Fraga argumentou que a liberdade e a igualdade "son incompatíbeis  coa prostitución" e afirmou que a prostitución "non é un traballo" e que a súa "libre elección" é "un mito".

Comentarios