Onde foron parar 159 millóns de euros dos 'fondos Covid'?

O portavoz socialista no Parlamento, Luís Álvarez, rexistra unha petición para reclamar a creación dunha comisión que investigue o "desvío" destes cartos a "fins descoñecidos" por parte da Xunta da Galiza.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)

O portavoz do grupo socialista no Parlamento da Galiza, Luís Álvarez, vén de anunciar o rexistro nesta segunda feira dunha proposición non de lei para reclamar unha comisión de investigación ante o "desvío" por parte da Xunta de 159 millóns de euros procedentes dos fondos para facer fronte á pandemia da Covid-19, que foron parar, dixo, a "fins descoñecidos".

Álvarez descoñece se estará "a tempo" para entrar a debate no próximo pleno, se ben subliña o "compromiso absoluto" do seu grupo a que así se faga "no momento en que estea en condicións", co obxectivo de "coñecer a sensibilidade dos outros grupos", o PP e o BNG.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: PSdeG)
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Foto: Europa Press)

Así, preguntado pola necesidade de contar co apoio do Bloque, resalta que os socialistas pretenden que haxa "un debate público" para que "a sociedade galega coñeza" a postura dos grupos. "Non queremos acordos intraparlamentarios, queremos que a sociedade coñeza a posición, non queremos obviar o debate público", incidiu.

Aliás, cuestionado sobre a posibilidade de pedir unha fiscalización especial ao Consello de Contas sobre este asunto, apraza a resposta: "Cando cheguemos a ese río, cruzaremos esa ponte".

"Fins descoñecidos"

Tal e como denunciou o secretario de organización do PSdeG [José Manuel Laxe] o pasado sábado, Luís Álvarez recrimina que "[Alberto] Núñez Feixoo, nos seus últimos meses na presidencia da Xunta, xunto co señor Rueda e segundo o último informe do Consello de Contas, desviaron máis de 159 millóns de euros a outros fins absolutamente descoñecidos" e diferentes aos que marcaban estes fondos Covid.

"Só executou 259, mentres todos os días o señor Núñez Feixoo e o señor Rueda queixábanse de non recibir fondos suficientes para facer fronte a esa situación", censura. Neste senso, concreta que, segundo a información que traslada o PSOE galego, "de cada 10 euros recibidos, Sanidade deixou catro euros sen destinar aos fins para os que estaban previstos". "Cando no peor da pandemia tiñamos as UCI repletas", confronta.

Este é "un asunto de extraordinaria gravidade", precisa, xa que o PSdeG fai fincapé en que ve a diario "as carencias do sistema [sanitario], con falta de profesionais, vacantes que non se cobren, esperas que pasan os 15 días...". Por iso, o grupo socialista pide, "tanto ao PP como ao BNG, que se sumen para investigar ese desvío de fondos".

Comentarios