O PSdeG celebra que o alcalde dos Brancos aparte o edil condenado por violencia doméstica dun órgano de goberno

Sobre Barreiro Jardón aínda pesa unha pena accesoria

Casa do Concello dos Brancos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Casa do Concello dos Brancos (Foto: Nós Diario).

O alcalde dos Brancos (comarca da Limia), José Manuel Castro Branco, apartou como representante municipal no consello escolar a José Manuel Barreiro Jardón, que foi condenado por violencia doméstica ao seu pai, un cesamento que desvelou o PSdeG e que este partido celebrou.

De feito, asegura que grazas ao seu "traballo" e á denuncia pública feita polo PSdeG nos últimos días, o rexedor decidiu "recuar" e retirar a esta persoa deste órgano de goberno.

Os socialistas aplauden a decisión, pero lamentan que "nunca se debeu chegar a esta situación, xa que esta persoa nunca debeu ser nomeada nun órgano de goberno municipal".

Neste sentido, o PSdeG lembra que no seu día denunciou a presenza desta persoa nas listas do PP, que alegou que descoñecía que aínda pesaba sobre el unha pena accesoria. No seu momento, os populares dixeron que non o incluirían no Goberno, pero o PSdeG lamenta que "non cumpriran coa súa palabra".

"Estamos ante un día moi importante para o noso municipio e a súa veciñanza, xa que por fin vemos cumprida a promesa de que Barreiro Jardón non formará parte do Goberno municipal nin dos respectivos órganos de xestión", sinalou a portavoz socialista nos Brancos, Emilia López Branco.

Con esta rectificación e o cesamento, danse "por cumpridos os principios éticos e morais polos que debe rexerse unha corporación municipal", sostivo a edil, que espera que se manteña esta situación até o fin do mandato e non haxa "sorpresas" no futuro.

 

Comentarios