O PSdeG celebra os 40 anos do Estatuto de Autonomía: “Se existe é grazas a nós”

O Partido Socialista celebrou os 40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía da Galiza reivindicando o seu papel na aprobación deste texto que, en palabras de Gonzalo Caballero, "deu lugar aos mellores anos" de democracia.
Os ex presidentes Fernando González Laxe (á esquerda) e Emilio Pérez Touriño (á dereita), co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Os ex presidentes Fernando González Laxe (á esquerda) e Emilio Pérez Touriño (á dereita), co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O PSdeG celebrou este sábado 3 de abril os 40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía da Galiza, que se farán o próximo 6 de abril, reivindicando o seu papel na aprobación deste texto que "deu lugar aos mellores anos" da democracia.

As e os socialistas reuníronse no Parque de Bonaval, en Santiago de Compostela, para celebrar o aniversario deste texto, un "bo Estatuto" que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ve necesario "reformar" unha vez superada a pandemia para adaptalo á realidade actual.

"Os socialistas galegos hoxe, en 2021, podemos trasladar ao noso país o orgullo de ser a referencia fundamental para construír un Estatuto de Autonomía que deu lugar aos mellores 40 anos de autogoberno e democracia na historia do noso país", manifestou Caballero nun discurso en que tamén reivindicou o PSdeG como "instrumento útil" para traballar por "a mellor Galiza posíbel".

No acto, en que tamén participaron os ex presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, o xefe de filas do PSdeG reivindicou o "socialismo e o galeguismo" como as "dúas caras de identificación" da súa formación, uns trazos que, dixo, constitúen "a mellor folla de traballo para o futuro do país".

"É por iso que cando se van facer 40 anos da aprobación do Estatuto temos que realizar un balance positivo do traballo feito polos socialistas galegos para conseguir ese Estatuto de primeira, unha carta case constitucional que deu as posibilidades a Galiza de ter un deseño institucional con estrutura lexislativa, executiva e xudicial", indicou.

Deste modo, tras referirse ao Estado de Autonomía como un "punto de avance" para que "Galiza poida ter máis dereitos e igualdade", defendeu o autogoberno galego e a posibilidade de ter máis competencias nas institucións autonómicas. "É por iso que o PSdeG defende tamén o federalismo e o galeguismo", subliñou.

Con todo, recoñeceu que "ao longo destes 40 anos Galiza mudou". "E Galiza mudou co aceno dun Partido Socialista que defende o Estado das autonomías, o Estado que entende que na pluralidade dos distintos territorios, das distintas nacionalidades, podemos construír unha saída en cogobernanza ante a crise de maior envergadura", apuntou.

Reforma

Neste sentido, tras lembrar tamén que en 2007 os socialistas galegos, "encabezados por Emilio Pérez Touriño", trataron de elevar esta norma a "maiores cotas de autogoberno", recoñeceu que o Estatuto de Autonomía da Galiza é "unha tarefa que require actualización e un novo impulso".

"Unha débeda que temos con todos aqueles que traballaron para que fose realidade e estou seguro de que, unha vez superada a pandemia, máis pronto que tarde, retomaremos o reto de superar esa débeda", sinalou para incidir en que "agora todo o esforzo dos socialistas" debe estar en facer as mellores políticas fronte á crise.

Neste punto e despois de subliñar que as mensaxes de "unidade, diálogo e cooperación" son "máis necesarios que nunca", volveu ofrecer ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a posibilidade de alcanzar un gran acordo de país pola reactivación da Galiza.

"Se existe é por nós”

Na celebración, o que fora titular da Xunta co Goberno tripartito entre 1987 e 1990, Fernando González Laxe, subliñou que se o Estatuto existe é "grazas" aos socialistas galegos, que estiveron presentes nos foros que permitiron a súa aprobación. "Se existe é por nós", indicou.

"Non defendiamos un proxecto único, senón un autogoberno compatíbel coa convivencia nun Estado común", manifestou Laxe, que sinalou que "hoxe" se pode dicir que estes 40 anos de período autonómico foron "moi positivos" para o país. "Foi a época de maior avance para a Galiza en todos os ámbitos", sostivo.

Nos avances logrados coa chegada da autonomía a Galiza coincidiu o que tamén foi presidente da Xunta (2005-2009), Emilio Pérez Touriño, que sinalou que, desde os anos 80 até a actualidade, a Galiza "multiplicou por cinco a súa económica" e a súa "renda per cápita". "Avanzamos en converxencia con Europa e España", indicou.

Con todo, na súa intervención, deixou claro que a aprobación "non foi unha concesión, nin moito menos un agasallo". "Foi o resultado da mobilización, da loita, do esforzo feito pola xente daquela época", apuntou.

"Fomos capaces de ter voz propia fronte a aqueles que desde Madrid querían impor un modelo", sinalou Touriño, que puxo en valor as conviccións "socialistas, socialdemócratas e galeguistas".

No acto que abriu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pondo en valor o papel das e dos rexedores galegos na aprobación do texto e reivindicando os avances logrados grazas á autonomía, tamén interveu a deputada Noa Díaz, coordinadora do libro 'A esforzada conquista da autonomía', publicado polo seu pai Ceferino Díaz, un dos socialistas máis lembrados no acto.

Tras eles, a integrante da executiva do PSdeG naquela época Margariña Valderrama repasou os pasos dados polo partido, a pesar de non ter "posturas unánimes", até a aprobación do Estatuto.

Ademais, José Vázque  Fouz, representante do PSdeG na chamada Comisión dos 16 -que redactou o texto estatutario-, reivindicou o Partido Socialista como "o único partido" con "vocación autonomista" tanto "antes como agora".

Comentarios