O PSdeG acusa á Xunta de alcanzar "niveis inauditos" de "indiferenza" e "desagravio" co municipalismo

Gonzalo Caballero asegura que son os alcaldes "os que resolven as cuestións que o Goberno galego non fai".

 

 

Gonzalo e Abel Caballero na xornada minicipalista do PSdeG no hotel San Francisco de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Gonzalo e Abel Caballero na xornada minicipalista do PSdeG no hotel San Francisco de Compostela. (Foto: Arxina).

O PSdeG celebrou este domingo un acto para reivindicar o municipalismo galego fronte aos "niveis inauditos" de "indiferenza" e "desagravio" da Xunta da Galiza cara aos concellos nas reparticións de fondos.

Todo iso declarouno o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante a xornada municipalista que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela.

A súa visión foi compartida polo alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero; polo presidente e a vicepresidenta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela e María Barral, respectivamente, polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e pola secretaria de Política Municipal do PSOE, Susana Sumelzo.

Durante a súa intervención, Gonzalo Caballero admitiu que son os alcaldes "os que resolven as cuestións que non fai a Xunta". Ademais, acusou dun "paternalismo abusivo" ás dereitas durante este ano 2021 na súa interpretación da acción municipal, da que resaltou a "redución" das axudas aos concellos nestes dous últimos anos de pandemia.

Transferencia de competecias

"Non se pode transferir as competencias propias da Xunta aos concellos sen darlles financiamento", asegurou Gonzalo Caballero. Nesta liña, o alcalde de Vigo reivindicou a firma por parte do Concello hai uns días dunha partida de 150.000 euros coa finalidade de "pagar as rozas" en leiras con risco de incendios, unha actividade que, asegura Abel Caballero, é competencia da Xunta, e para a que non recibiu financiamento.

Ademais, Gonzalo Caballero afirmou que hai 1.100 millóns de euros extraordinarios nos orzamentos da Xunta para repartir e dos que os concellos non reciben "nada". Así, arremeteu contra a Xunta pola súa "política de facer caixa" coa actual crise.

Neste sentido, Susana Sumelzo sinalou que nin "a Xunta nin o PP estiveron á altura" e trasladaron "a responsabilidade" para non "asumir as súas competencias". Así, tachou de queixa "falsa e victimista" a acusación de Feixoo ao Goberno central pola ausencia de financiamento dos municipios.

Demandas do socialismo municipalista

Pola súa banda, o presidente da Fegamp pediu unha "revisión das competencias dos concellos", xa que se atopa rexida, actualmente, por "un modelo de hai 40 anos".

Tamén solicitou Varela "información e coordinación" e sinalou como unha "vitoria" o momento en que se comezaron a dar os casos de Covid por concello, cando antes traballaban "a cegas" para afrontar a pandemia.

Así mesmo, requiriu que os concellos "sexan partícipes da recuperación económica" e lembrou que a administración de sectores como o cultural "recae principalmente" nos municipios.

A este respecto, a vicepresidenta da Fegamp confirmou que, desde a federación, están a tentar aclarar que competencias corresponden á Xunta e cales aos municipios. "Os concellos non teñen competencia en emprego pero, con todo, as persoas desempregadas acoden aos concellos", ha ejemplificado Barral.

Neste sentido, tamén dixo 'si' á división de competencias e puxo o acento en "reivindicar a autonomía local", xa que "cada concello é diferente".

Abel Caballero aludiu á importancia da "cooperación". Desta maneira, mencionou a "oposición activa" do Goberno autonómico ás formulacións dos municipios en cada conferencia sectorial celebrada á que acudiu a FEMP, federación da que é presidente.

Recuperación económica

O alcalde de Santiago recalcou que o actual escenario é propicio para a "reactivación e recuperación paulatina cara á normalidade". Acerca disto, pediu que se reflexione sobre o futuro que se desexa e afirmou que a crise sanitaria "acelerou cambios".

Bugallo citou neste punto a aceleración da dixitalización, sobre a que, afirma, "é absolutamente inviábel volver cara atrás". Ademais, resaltou os programas de apoio a emprendedores e autónomos, entre outros, do seu goberno, e a atención a persoas "nunha situación máis fráxil", como inmigrantes e traballadores precarios, entre outras.

Así mesmo, o alcalde de Compostela fixo referencia a "a oportunidade" que ofrece o Goberno central e a Unión Europea cos fondos 'Next Generation'. A este respecto, o presidente da FEMP declarou que as negociacións sobre a súa repartición "van ben" e que hai "cantidades moi importantes" de diñeiro que se recibirán "moi pronto".

Por outra banda, Gonzalo Caballero admitiu que "é necesario" un "novo pacto local" que saia da alianza cos concellos. Desta forma, aclarou que o grupo socialista presentou emendas para incrementar o Fondo de Cooperación Local do ano 2021 a 100 millóns de euros e o PP "non quixo".

Apostas do partido

O secretario xeral do PSdeG tamén enumerou unha serie de campos polos que apostan con propostas "sólidas". En primeiro lugar, reforzar os servizos públicos "de calidade", que supoñen "unha maior garantía" en canto a igualdade.

Así as cousas, reafirmou a aposta do partido por un "desenvolvemento económico sustentábel" que sexa "respectuoso" co medio ambiente e unha "educación pública". Con todo, o secretario xeral resumiu a aposta en "renovar o municipalismo".

Comentarios