O PSdeG acusa a Xunta de adebedar 20 millóns de euros ao transporte escolar

Nun comunicado asinado polo deputado Raúl Fernández, o PSdeG afirma que a Xunta de Galiza adebeda máis de 20 millóns de euros ás empresas de transporte escolar. O motivo? Que desde 2013, o Goberno galego no actualiza o pagamento do IPC ás concesionarias.

autobus escolar
photo_camera Un autobús escolar. Foto: cedida.

“Esta é unha práctica de dubidosa legalidade”, asegura Fernández, “que pode poñer en perigo o equilibrio financeiro das empresas e que contradí o 'pronto pago a provedores' que 'vende' a Xunta”. Anunciou, ademais, a presentación de iniciativas parlamentarias para esixir información. Tamén quere que o Consello de Contas emita un ditame sobre a situación concreta e “sobre a normativa que permite os aprazamentos do pago das actualizacións”.

O parlamentario socialista lembra que o IPC si foi actualizado para os contratos de transporte escolar en 2011 e 2012. Mais nese intre, a Xunta gobernada polo PP de Feixóo deixou de facelo. Nestes últimos exercicios, explica Raúl Fernández, a Xunta prorrogou os servizos de trasnsporte e incluí, a través das leis orzamentarias, unha disposición adicional adiando as actualización ata o ano 2017.

O pasado ano, porén, o pago do IPC volveu ser adiado. Na Lei de Orzamentos de 2018 figura que as cantidades pendentes será abonadas en 2019 e 2020. Para os socialistas, isto é de “dubidosa legalidade”. “Difire o pago coas cantidades xa debidas pola prestación destes servizos, prescinde do procedemento xeral establecido e modifica unilateralmente as condicións acordadas”, engade.

A débeda medra a cada ano que pasa. De momento, son máis de 20 millóns de euros. Segundo os datos de execución orzamentaria de 2017, a Xunta gasta cada ano en transporte escolar 115 millóns de euros.

Comentarios