Auséntanse Sáenz de Santamaría ou Feixóo

A primeira Xunta Directiva de Casado evidencia a fractura do PP

O Partido Popular non acaba de suturar as feridas do seu último congreso. Á primeira Xunta Directiva de Pablo Casado, elixido presidente da principal organización da dereita estatal despois de se impoñer a Soraya Sáenz de Santamaría nun proceso de semi primarias, faltaron varios importantes dirixentes, Entre eles a propia Sáez de Santamaría ou Alberto Núñez Feixóo.
 

pablo casado fGZ
photo_camera Alberto Núñez Feixóo e Pablo Casado na Coruña. Foto: PP.

A ex vicepresidenta do Goberno -que gañara na primeira volta das eleccións internas do PP- foi a máis rechamante das ausencias. Mantén o seu enfrontamento con Casado. Pero non a única. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, tampouco asistiu. O galego foi, durante meses e co seu xogo implícito e explícito, un dos favoritos para suceder a Raxoi. A súa renuncia a competir, melodramática e por sorpresa, nunca ben explicada, levouno a apoiar tacitamente a Casado, a máis dereitista das opcións.

Tamén escusaron a súa participación na primeira xuntanza do órgano de dirección do partido, en Barcelona, os baróns de Valencia, as Castelas -Dolores de Cospedal entre elas- ou o País Vasco.

Malia a blindaxe mediática que adoita opacar a vida interna do PP, as liñas de fractura que o atravesan son cada vez máis evidentes. Aínda que a decisión de Sáenz de Santamaría de se erixir en figura aglutinadora do malestar interior non está aínda tomada, os seus desplantes ao novo líder dos populares son xa abondosos e sonados.

O papel de Núñez Feixóo dista igualmente de estar claro. Se nun primeiro intre despois do seu paso atrás semellaba á fin que se iría centrar na política galega, hai quen o considera apenas un movemento táctico. As aspiracións do presidente galego sempre estiveron en Madrid e, a dicir dos analistas, a Xunta foi apenas un paso intermedio.

Máis alá das fotos co narcotraficante Marcial Dorado -factor que pesou na súa inesperada retirada-, se cadra simplemente estea a agardar a non consolidación de Pablo Casado. Algo que, dado o inestábel e veloz dos actuais tempos políticos, pode perfectamente suceder.

Comentarios