MéNDEZ ROMEU PRESéNTASE áS PRIMARIAS DO PSDEG

“Precisamos recuperar os valores do socialismo e rematar coa decadencia”

O actual portavoz socialista no Parlamento de Galiza di contar co apoio de bases, concelleiros e deputados e defende a súa experiencia ante o ataque do Presidente da Diputación da Coruña, González Formoso, quen o acusou de aferrarse ao seu posto político desesperadamente.

índice
photo_camera Romeu en rolda de prensa no Hotel Araguaney. Foto: Irene Pin

José Luís Mendez Romeu compareceu esta mañá ante os medios para confirmar a súa candidatura ás primarias do PSdeG das que sairá o futuro candidato que presentarán os socialistas á presidencia da Xunta de Galiza.

O portavoz parlamentario do PSdeG saíu á palestra para facer tanxible unha presentación que xa anunciara onte a través das redes. Deste xeito, Romeu únese a Xaquín Fernández Leiceaga e a Gonzalo Caballero na carreira por acadar a presidencia da xunta.

Méndez Romeu espera reunir todos os apoios precisos e conta co sector socialista de Vigo da súa parte. Quen formara parte do goberno municipal de Francisco Vázquez na Coruña, espera recabar máis apoios no norte, tanto na cidade herculina como na zona da Costa da Morte. Romeu tamén agradeceu o apoio de Pilar López e Eva García de la Torre, alcaldesas de Sarria e Porriño, así como o soporte de José Luís López Orozco, ex edil lugués.

Os socialistas esperan con estas primarias recuperar o terreo perdido nas pasadas eleccións xerais nas que foron relegados a ser a terceira forza política por detrás do Partido Popular e En Marea.

"Formoso puido ter un mal día"

O portavoz do Partido Socialista no Parlamento de Galiza refusou entrar a valorar as críticas internas que chegaron onte dende González Formoso, presidente da Diputación da Coruña, quen aludiu á idade do novo candidato socialista: “O PSOE non é de portavoz de 60 e pico anos e xente que leva 50 anos nun escaño querendo manterse desesperadamente no seu posto político”. Ao ser preguntado polas palabras de Formoso, Méndez Romeu quixo suavizar a cuestión argumentando que puido ter un mal día.

"Hoxe mesmo falarei con Pedro Sánchez"

O terceiro candidato ás eleccións primarias internas dos socialistas galegos afirmou que é necesario “rematar coa ruina demográfica e buscar inversión estranxeira”, dixo tamén que a política de Feijoo está esgotada e que Galiza está, agora, peor que hai 7 anos cando o popular comezou a súa primeira lexislatura e con menos persoas activas. Para demostrar a firmeza da súa candidatura, Méndez Romeu apuntou que hoxe mesmo falará co secretario xeral dos socialistas españois, Pedro Sánchez.

Os aspirantes deberán presentar antes do vindeiro día 13 un mínimo de 1.010 avais, o que equival ao 10% do censo do partido, para poder tomar parte no proceso de primarias, que finalizará o 29 de maio coa proclamación do gañador. Un total de 11.000 afiliados teñen dereito a voto neste proceso.

Comentarios