O prazo de entrega de avais das primarias do PSdeG finaliaza hoxe para Besteiro e Losada

A pasada semana, o día 9 de outubro, confirmou a súa candidatura José Ramón Gómez Besteiro, quen regresou este ano á primeira liña política tras permanecer sete anos apartado do foco mediático polas súas imputacións por parte de xuíza Pilar de Lara.
Besteiro e Losada (Foto: Europa Press).
photo_camera Besteiro e Losada (Foto: Europa Press).

Os aspirantes ás primarias que o PSdeG organiza para elixir o seu candidato á Xunta da Galiza deberán rexistrar antes das 15 horas desta cuarta feira os avais necesarios --entre un mínimo de 615 e un máximo de 1.024- para que as súas candidaturas sexan ratificadas.

Ademais do que fora líder da formación entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro, o militante da agrupación socialista coruñesa Manuel Losada (A Coruña, 1951) mantén a súa precandidatura a este proceso.

Manuel Losada destacou que trasladou escritos "a cada unha das 248 agrupacións socialistas da Galiza" para pedir o apoio para poder competir neste proceso interno. O seu obxectivo, indicou, é "conseguir que se lle dunha maior consideración ao militante de base" e reivindicar que se teñan en conta no partido ás persoas de maior idade.

Con todo, recoñece que a balanza se inclina cara á figura do ex delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, a quen a dirección federal do PSOE e a cúpula no país apuntan como a persoa que podía encarar a responsabilidade de encabezar a candidatura do PSdeG á Xunta nas próximas eleccións galegas, que teñen que decorrer no verán de 2024 se non houber un adianto electoral.

Retirada de Caballero

A pasada semana, o día 9 de outubro, confirmou a súa candidatura José Ramón Gómez Besteiro, quen regresou este ano á primeira liña política tras permanecer sete anos apartado do foco mediático polas súas imputacións por parte de xuíza Pilar de Lara. Todas elas quedarían arquivadas e a maxistrada apartada do xulgado de Lugo do que era titular.

Esa mesma xornada coñeceuse que o Partido Socialista decidiu reactivar as primarias. E é que o proceso interno, convocado inicialmente polo PSdeG para o 17 de setembro, foi aprazado pola dirección federal "até a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno".

Con todo, no arranque da pasada semana, a dirección do PSOE reactivou o calendario e Besteiro aproveitou a súa visita ao Parlamento da Galiza, no que tiña lugar o debate de política xeral, para anunciar que se presentaría. Ademais, o actual xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, que compareceu ante os medios acompañado polo propio Besteiro, ratificou que el non participará nas primarias.

Un día despois e tamén nos corredores do Parlamento galego, o que fora secretario xeral do PSdeG e actual deputado, Gonzalo Caballero anunciou a súa decisión de competir para ser candidato á Presidencia da Xunta e púxose ao dispor da formación para "sumar". Con todo, cinco días despois, o domingo, anunciou que retiraba a súa candidatura "por lealdade e responsabilidade" tras constatar que a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG "optan por outra candidatura".

Entrega de avais

A partir da presentación das precandidaturas, os precandidatos teñen até as 15 horas da cuarta feira para o rexistro dos avais. Dáse por feito que Besteiro reunirá todas as firmas necesarias e a incógnita mantense sobre se Manuel Losada logrará reunir os apoios necesarios nun contexto no que segundo as persoas que xa entregaran as súas firmas a Gonzalo Caballero non poden avalar xa outro aspirante.

Se Manuel Losada non logra finalmente reunir o mínimo de firmas, a do actual deputado no Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, sería a única candidatura oficial. Por iso, quedaría proclamado candidato socialista á Xunta de facto, a falta da ratificación oficial polo partido.

No caso de que ambos conten cos requisitos necesarios para ver ratificadas as súas candidaturas, a campaña interna terá lugar do día 19 ao 28 de outubro. O calendario das primarias socialistas contempla unha primeira xornada de votación o domingo día 29, que se repetiría o día 5 de novembro no caso de que fose necesario.

Comentarios