Diego Calvo e Alfonso Rueda consolidan os seus postos na sucesión de Feixoo

A presidencia provincial do PP que Diego Calvo e Alfonso Ruedan optan a manter na Coruña e Pontevedra é crucial nun partido que aínda conserva un forte peso dos territorios, pois, como marca a tradición, os pasos e relevos nas estruturas provinciais sinalan o futuro do PP galego.

Diego Calvo e Alfonso Rueda (Fotos: Europa Press)
photo_camera Diego Calvo e Alfonso Rueda (Fotos: Europa Press)

Logo do congreso que o PP galego realizou en xullo, que rematou coa reelección de Alberto Núñez Feixoo como presidente do partido, os populares encaran agora os congresos territoriais onde se designarán as catro presidencias provinciais do PP. 

Todo indica que se seguirá a optar polo continuísmo, pois as candidaturas presentadas esta semana para as presidencias provinciais son as das catro persoas que na actualidade ostentan o cargo: Alfonso Rueda en Pontevedra, Diego Calvo na Coruña, Elena Candia en Lugo e Manuel Baltar en Ourense.

Salvo un xiro inesperado dos acontecementos, fontes populares descartan que haxa candidaturas alternativas, alén de que nalgunhas zonas como na da Coruña ou Pontevedra o proceso para presentarse xa expirou. 

O posto que optan por manter é crucial nun partido que aínda conserva un forte peso dos territorios, pois, como marca a tradición, os pasos e relevos nas estruturas provinciais sinalan o futuro do PP galego. Por iso, ante un Núñez Feixoo que segue sen desvelar se volverá ser candidato á Presidencia da Xunta en 2024, todas e todos os aspirantes a relevalo son conscientes do peso que no PPdeG teñen as estruturas provinciais e que un paso atrás na dirección do PP podería significar a perda de todas as posíbeis papeletas na sucesión de Feixoo. 

O máis destacado na carreira sucesoria é o candidato á reelección da presidencia provincial do partido na Coruña, o deputado Diego Calvo, que goza da confianza de Feixoo e o beneplácito de Pablo Casado. De feito, en febreiro foi a cara pública do PPdeG en Madrid, cando defendeu no Congreso a transferencia da AP-9 xunto a Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG). 

Parece que Calvo está a desbancar na carreira ao vicepresidente da Xunta e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, eterno candidato nas quinielas. Actualmente estaría máis afastado de Feixoo e os malos resultados do PP en Pontevedra non o axudan.

Aínda que non están nas quinielas, Elena Candia consolida o seu peso ante un Feixoo que a deixou como deputada "rasa" no Parlamento e sen posto na Xunta pese a ter encabezado a candidatura de Lugo. 

Quen tamén estaría fóra da carreira sucesoria é Baltar, aínda que calquera candidato a relevar Feixoo tería difícil éxito sen contar co apoio do único varón que fica no PPdeG e único presidente dunha deputación. 

Comentarios