O PP ten a súa maior caída electoral na comarca de Verín

Perdeu un de cada dez apoios que tivo hai catro anos, mais mantense , con diferenza, como forza máis votada.

Concentración ante o Parlamento da Galiza para protestar polo peche do servizo de partos do hospital de Verín (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Concentración ante o Parlamento da Galiza para protestar polo peche do servizo de partos do hospital de Verín (Imaxe: Nós Diario).

A comarca de Verín protagonizou durante semanas unha loita contra o desmantelamento do seu paritorio e o recorte de servizos hospitalarios cunha dinámica de mobilizacións continuadas e que chegaron a reunir a miles de persoas. Esta comarca é onde o PP rexistrou este domingo a súa maior caída electoral, ao perder 9,93% dos apoios nas urnas a respecto de hai catro anos: 2.300 votos menos.

Porén, os populares mantéñense como primeira forza, cun 48,4% dos votos, mentres que o BNG pasa a ser segunda forza (25% das papeletas e 1.900 votos máis que en 2016), e o PSdeG é terceira con 21%. A cuarta forza é Vox, que sobrepasa Galicia en Común. A ultra dereita obtivo nesta comarca 1,97% dos votos mentres que GeC fica en 1,2%.

Outra comarca onde o PP rexistra un descenso importante é Viana, cunha baixada de 7,5%, ficando por baixo de 50% dos apoios (48,5%). Tamén aquí o BNG sitúase como segunda forza ao aumentar os votos en máis de 13% e lograr 27% dos apoios. PSdeG foron terceiros (19%) dos votos e, ao igual que na de Verín, nesta comarca tamén Vox adiantou Galicia en Común.

A Mariña Occidental (-3,97% e A Mariña Central (-2,65%) foron outras comarcas de perda de apoios por parte do PP, así como nas de Muros (-2,9%), Allariz-Maceda (-2,15%), Tabeirós (-3%) ou A Limia (-2,23%), entre outras.

Comentarios