O PP válese da súa maioría absoluta para mudar de forma exprés as normas do Senado e bloquear a amnistía

Os grupos nacionalistas e de esquerda votan en contra dunha reforma do Regulamento que aseguran que "vulnera a Constitución" e que só contou co apoio dos senadores de PP, Vox e UPN. O obxectivo non é outro que trabar o máximo posíbel a tramitación da Lei de amnistía.
O senador popular Javier Arenas aplaude após facer valer o PP a súa maioría absoluta para aprobar a reforma. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O senador popular Javier Arenas aplaude após facer valer o PP a súa maioría absoluta para aprobar a reforma. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O PP fixo valer a súa maioría absoluta no Senado para aprobar de maneira definitiva unha reforma exprés do Regulamento —a imaxe e semellanza da reforma impulsada no Congreso polo PSOE e outras forzas políticas para permitir o uso de todas as linguas oficiais, que fora duramente criticada polos populares— coa que poderá dilatar até dous meses a tramitación da Lei de amnistía. Ademais, introduciu unha emenda para obrigar o presidente do Goberno estatal e mais os ministros a compareceren na Cámara Alta cando o soliciten os grupos parlamentarios.

Con 147 votos a favor —PP, Vox e UPN— e 116 votos en contra —o resto do hemiciclo—, o Pleno do Senado sacou adiante a reforma do Regulamento que dá a potestade á Mesa da Cámara Alta, onde os populares teñen maioría absoluta, para decidir ou non aplicar o procedemento de urxencia nas proposicións de lei, como é o caso da amnistía. Os de Alberto Núñez Feixoo decidiron acelerar ao máximo a tramitación desta reforma do Regulamento, de modo que a pasada cuarta feira foi tomada en consideración e na segunda a Comisión de Regulamento avalouna para que se votase de maneira definitiva hoxe mesmo, anticipándose así á tramitación e previsíbel aprobación da Lei de amnistía no Congreso.

Na exposición de motivos da súa proposta de reforma, o PP explica que a Constitución española, no seu artigo 90, regula a tramitación perante o Senado dos proxectos de lei ordinaria ou orgánica aprobados polo Congreso, reducindo a vinte días naturais o prazo de que o Senado dispón para vetar ou emendar os proxectos declarados urxentes polo Goberno ou pola Cámara Baixa. O PP subliña na súa iniciativa que o citado artigo alude, por tanto, aos proxectos "pero non ás proposicións de lei, mediante unha literalidade que, tal como demostran os traballos parlamentarios, non é casual senón froito da vontade dos constituíntes".

En calquera caso, o artigo 90 da Constitución tamén estabelece que a tramitación dos proxectos de lei que veñen do Congreso, como pode ser o da Lei a amnistía, non poden exceder os dous meses no Senado desde a súa entrada nesta Cámara, se se acaban facendo por procedemento ordinario. Ademais, o artigo 106 do Regulamento do Senado tamén recolle este prazo de dous meses, a partir do día da recepción do texto, para aprobalo expresamente ou vetalo e introducir emendas ao mesmo para devolvelo ao Congreso.

Os populares incluíron na súa proposta de reforma do Regulamento unha emenda para incluír un apartado que especifique que os ministros e o presidente do Goberno estarán obrigados a comparecer no Senado cando o soliciten dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos senadores. Isto xorde despois de que catro ministros rexeitasen acudir ao Pleno do Senado da semana pasada para comparecer sobre distintos temas despois da petición de varios grupos, alegando que esta obriga non estaba recollida no Regulamento da Cámara Alta.

Rexeitamento das forzas nacionalistas e de esquerda

De igual forma que no debate da semana pasada sobre a toma en consideración da reforma do Regulamento, o PSOE e os seus socios de investidura rexeitaron a medida impulsada polo PP, ao consideraren que se tramitou "pola porta de atrás", sen consenso entre os grupos e que vulnera a Constitución. Así o explicou o senador socialista Manuel Fajardo, que se cuestionou por que o PP, que tivo a maioría absoluta da Cámara Alta en máis dunha ocasión, non levou a cabo nunca antes a reforma dos artigos do Regulamento que agora si "lles molestan".

"Vostedes aderezan esta antirreglamentaria e inconstitucional reforma. Nós exercitaremos o noso dereito do recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", adiantou Fajardo. Así, expresou o seu desexo de que cando o alto tribunal revise o recurso, "dea" ao PP o "repaso que merece".

Pola súa parte, o grupo parlamentario formado por ERC e Bildu reiterou ao PP a "nulidade" do proceso da reforma por non respectar os prazos estabelecidos, mentres que lles reprochou que busquen unha "mutación institucional" cando a amnistía é unha "ferramenta política" para solucionar un conflito político que afecta "a todos".  Na mesma liña, Junts asegurou que sacar adiante a modificación sen o "tradicional" consenso supón unha "grave infracción regulamentaria". Tamén acusou os "constitucionalistas" do PP de vulneraren a Constitución nun "claro exemplo de filibusterismo parlamentario", obstruíndo a tramitación dunha lei de amnistía "lexítima e democrática".

E Sumar aproveitou a súa intervención para censurar a "urxencia" utilizada para a reforma, pero con todo paralizar a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) por case cinco anos. "Non se pode estar o domingo ás 12h cunha bandeira para logo vir aquí na terza feira ás 11h e recortala", reprocharon durante o Pleno.

O PNV, que tamén votou en contra, criticou non o fondo senón "as formas" do PP para tramitar a reforma. Na súa opinión, a medida non busca dar unha maior autonomía ao Senado senón servir aos interese dos de Feixoo. Un argumento que tamén foi apoiado polo BNG, cuxa portavoz, Carme da Silva, afirmou que ao PP non lle preocupa "a legalidade nin a democracia" e que só "pasan o rolo".

As únicas dúas formacións que votaron a favor da reforma impulsada polos populares foron Vox e UPN. "Ninguén pode pasar de perfil cando nos xogamos tanto", sostivo a senadora ultradereitista Paloma Gómez, quen insistiu en facer uso de todas as ferramentas dispoñíbeis para frear a aqueles que buscan "humillarnos e comprometer a existencia da comunidade política". Do mesmo modo, UPN cre que os pactos do PSOE supoñen unha "cesión total" á chantaxe de quen "nos amarga a vida". "Presentáronnolo como un gran logro para a convivencia e o que está a lograr é unha mobilización enorme de xuíces e fiscais", recriminou.

Comentarios