Amnistía

O PSOE rexistra en solitario a Lei de amnistía: "É impecábel desde o punto de vista constitucional e fará mellor España"

Félix Bolaños avanza que se intentará tramitar no Congreso pola vía de urxencia e confía en que sexa unha realidade "nas próximas semanas", mais evita anticipar unha data para a súa aprobación definitiva.
O ministro da Presidencia e deputado socialista, Félix Bolaños, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera O ministro da Presidencia e deputado socialista, Félix Bolaños, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O PSOE rexistrou na tarde desta segunda feira no Congreso o que denomina 'Lei Orgánica de Amnistía para a normalización institucional, política e social en Catalunya', que permitirá fechar as causas xudiciais abertas a independentistas cataláns desde xaneiro de 2012 até a actualidade, o que inclúe tanto a preparación da consulta soberanista de 2014 como o proceso do referendo do 1 de outubro de 2017 e todas as posteriores contra a sentenza do Tribunal Supremo. Alén dos socialistas, a iniciativa ía levar a sinatura de Sumar e mais de ERC, Junts, BNG, Bildu e PNV, pero obter o visto e prace de todos estes grupos foi atrasando até última hora o rexistro do texto.

Segundo confirman fontes parlamentarias citadas pola axencia Europa Press, no índice de textos rexistrados hoxe pola tarde figura o título da lei como presentada polo grupo socialista, sen mencionar outras formacións. E de feito algúns dos socios do PSOE de cara á investidura de Pedro Sánchez confirmaron tamén que non chegaron a asinar a iniciativa ao estar aínda analizando o texto.

Ao ser unha proposición de lei de grupos parlamentarios, o texto non leva informes do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ou do Consello de Estado, que serían obrigatorios para o Goberno no caso de presentarse como proxecto de lei do Executivo. Porén, tanto o PP como Vox tentarán, previsibelmente, que a Mesa os reclame. Pola súa parte, os socialistas queren que se tramite nas Cortes con carácter de urxencia para non demorar demasiado a súa aprobación. A decisión sobre a tramitación urxente corresponde tamén á Mesa do Congreso, polo que se dá por feito que os prazos que se fixen para a iniciativa quedarán reducidos á metade.

Durante a súa comparecencia no Congreso após rexistrar do texto, o ministro da Presidencia en funcións e deputado do PSOE, Félix Bolaños, trasladou o seu desexo de que a amnistía sexa unha realidade "nas próximas semanas", mais evitou anticipar unha data para a súa aprobación definitiva. Neste contexto, limitouse a explicitar que a intención dos socialistas é que se poida "aprobar o máis axiña posíbel" tanto no Congreso como no Senado e que todas as forzas políticas que están a favor da amnistía poidan traballar "combinando esa urxencia con rigor no traballo parlamentario".

"Esta lei rexistrouse despois de traballar con todos os grupos e estamos en disposición de dicir que conseguimos unha ampla maioría parlamentaria. Rexístraa o PSOE, pero temos un amplo consenso e vai contar con 178 votos, dígollo con coñecemento de causa", avanzou Bolaños, ratificando deste modo o 'si' tanto dos deputados e deputadas socialistas como das de Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV e BNG; é dicir, todos os apoios que recibirá Sánchez para a investidura agás Coalición Canaria, que se desmarca dunha amnistía que segue a contar con dous votos máis que os requiridos para lograr a maioría absoluta.

Sobre as protestas en contra da lei e das negociacións coas formacións nacionalistas, capitalizadas por movementos de extrema dereita en cidades españolas como Madrid, o ministro defendeu que é acorde á legalidade vixente e que servirá para iniciar un novo camiño nas relacións do Estado con Catalunya: "Comprendemos que haxa persoas que tivesen, nestes días, preocupación coa Lei de amnistía. Pero hoxe, cando a lean, tranquilizaranse. É unha norma para facer mellor España, impecábel desde o punto de vista constitucional".

"Para os que tiveron un proceso xudicial, anularanse as sancións e antecedentes. Para aqueles cun proceso aberto, porase fin a eses procedementos. Devolver á política o que nunca debeu saír da política", salientou Bolaños.

Os pasos para tramitar e votar a lei

Tras o seu rexistro, o texto deberá recibir o visto e prace da Mesa do Congreso, o que se coñece como cualificación; un trámite que, en principio terá lugar na terza feira da vindeira semana. A presidenta do Congreso, Francina Armengol, explicou hoxe que esta proposición de lei orgánica seguirá o "curso normal" de todas as iniciativas parlamentarias, o que implica que, aínda que se rexistrou este luns a Mesa do Congreso non a cualificará na súa reunión desta terza, senón que a previsión é que o faga o próximo 21 de novembro.

En todo caso, o PSOE e Sumar contan con maioría no órgano de goberno da Cámara para dar vía libre a un texto que previsibelmente será estudado previamente polos servizos xurídicos da Cámara, que poden emitir un informe ao respecto. Así o fixeron os letrados en 2021, cando se mostraron en contra da cualificación da Lei de amnistía rexistrada entón por ERC ao considerala inconstitucional. Naquel momento o PSOE apoiou o criterio dos servizos xurídicos, a pesar de que os seus informes non son vinculantes.

Unha vez que a cualifique o órgano de goberno, a lei será publicada no Boletín Oficial das Cortes Xerais e remitirase ao Goberno para que dea a súa conformidade para a tramitación. O Executivo ten a facultade de vetar a tramitación de proposicións de lei se considera que supoñen un aumento do gasto ou unha diminución de ingresos. Para dar a súa conformidade, o Goberno conta cun mes para pronunciarse, pero o previsíbel é que non o esgote e dea o seu plácet con celeridade. Na proposición de lei que acabou co delito de sedición tardou menos de 24 horas en dar o visto e prace.

Salvado este trámite, a Xunta de Portavoces poderá pór data ao debate de toma en consideración no Pleno e, cando a Cámara dea vía libre, a Mesa terá que abrir un primeiro prazo para a presentación de emendas ao texto. Unha vez tomada en consideración a lei, as emendas de totalidade deberán ir acompañadas dun texto alternativo. Esta é a opción que previsibelmente utilizarán o PP e Vox para deixar constancia da súa oposición frontal ao texto.

Alén da vía de urxencia, o PSOE podería pedir que a proposición de lei se tramite en lectura única, o que implica desenvolver no Pleno todas as fases sen pasar por relatorio nin comisión. Iso si, esta tramitación exprés debe ser aprobada polo Pleno, onde o PSOE e os seus socios tamén contan con maioría para sacala adiante. Esa tramitación exprés podería permitir aprobar o texto no Congreso en tres semanas e chegar ao Día da Constitución con todo feito, á espera do Senado.

O PP, que ten maioría absoluta na Cámara Alta, xa impulsou unha reforma regulamentaria para tentar dilatar a tramitación nas súas dependencias, aínda que a Constitución, no seu artigo 90, estabelece un tope de dous meses desde a súa recepción no Senado até o seu ditame, ou ben 20 días se son proxectos urxentes declarados como tales polo Congreso.

Os populares e Vox teñen dúas opcións no Senado: vetar a tramitación da iniciativa, o que obrigaría ao Congreso para levantar ese veto con maioría absoluta, ou tramitala e introducir modificacións, uns cambios que despois tería que desfacer o Congreso. Esta última opción atrasaría a aprobación da Lei de amnistía, o Congreso requiriría maioría simple para referendar ou borrar as novas emendas do Senado, pero ao final sempre necesitaría maioría absoluta para a súa aprobación definitiva ao tratarse dunha lei orgánica.

No peor dos casos, desde os grupos que conforman o Goberno calculan que a lei, tras o seu paso polo Senado, a paréntese de xaneiro —período non hábil— e a aprobación definitiva polo Congreso, podería entrar en vigor en marzo.

Comentarios