DEBATE NO PARLAMENTO

O PP presume de Lei de Emprego Público fronte á unha oposición que a considera un paso atrás

BNG, AGE, PSOE e grupo mixto pediron a devolución dun proxecto que, aseguran, profundiza o deterioro dos servizos públicos. Pola contra, @s populares lóuvana como ‘’pioneira’’ no Estado.

Parlamento
photo_camera Parlamento

Debate de totalidade no Parlamento do proxecto de lei do Emprego Público de Galiza, paso previo á súa análise en comisión. Para o PP, unha lei que “moderniza a administración” e beneficia a traballadores públicos e cidadanía. Para a oposición, unha lei que chega a Pleno sen ser negociada cos representantes das e dos empregados, que “consolida recortes de dereitos e salarios” (Tereixa Paz, BNG), que é en boa medida unha suma de “,medidas propagandísticas” (Yolanda Díaz, AGE) e que nace sen procurar consenso (Beatriz Sestayo, PSdeG).

O goberno insistiu por boca do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, en que esta lei “ vai mellorar a calidade dos servizos públicos” ao tempo que “beneficia a 120.000 empregados públicos”. Un proxecto que contempla avaliacións individuais e periódicas d@s funcionari@s, destacou a Xunta, e que aumenta a 18 semanas de permiso por parto, parabenizou, así como que 500 xefaturas proveranse por concurso e non por ‘’persoal de confianza’. Nesa liña, Paula Prado (PP) situou este proxecto na “nova forma de facer política que a Xunta inaugurou en 2009” e que se basea, dixo, “en facer máis con menos e situar a cidadanía por riba da burocracia”.

“Funcionarios ao servizo do poder”

Tereixa Paz (BNG) destacou no comezo da súa intervención que nunca antes tantos colectivos e entidades lles fixeran chegar aos grupos parlamentares “a disconformidade cunha lei” e para “denunciar a falla de vontade negociadora”. A deputada nacionalista lembrou que o proxecto non foi sometido a ditame do Consello Económico e Social e que en boa parte a iniciativa a debate peca de “propaganda”.

Vulnera o dereito á negociación colectiva das e dos empregados públicos, aseverou Paz no Pleno, e “profundiza no deterioro da calidade dos servizos públicos”, ademais de “consolidar recortes de dereitos e salariais”. E tamén consolida o proxecto, dixo, os prexuízos e recortes de dereitos das persoas galego-falantes, danadas desde que en 2009 oa Xunta “suprimiu a obriga dos empregados públicos coñecer o galego”.

Todo iso, resumiu Tereixa Paz, demostra que estamos perante “unha lei do pasado”, un proxecto que aspira a “un corpo de funcionarios ao servizo do poder” e non da cidadanía.

“Queren privatizar a administración pública”

Yolanda Díaz (AGE) incidiu tamén na ausencia de negociación na elaboración do proxecto e en que o mesmo chegaba a Pleno sen informe do Consello Económico Social nin do Consello galego da función pública. Considera que a lei contempla medidas puramente propagandísticas” e que nos seus 211 artigos hai unha aposta en mudar “a concepción da administración pública” cara á súa “privatización”. É o que procura o PP, manifestou Díaz, “privatizar o estado e a administración pública” e tamén “abrir as portas á precariedade absoluta” para os e as empregadas públicas.

Beatriz Sestayo (PSdeG) incidiu na falla de negociación e de diálogo neste proxecto e acusou o PP de non querer o consenso. 

Na votación, as emendas á totalidade presentadas por BNG, AGE e PSdeG foron derrotadas, polo que o proxecto seguirá o seu trámite parlamentar.

Comentarios