EXTRAPOLACIóN

O PP perdería a súa maioría absoluta no Parlamento galego

Os populares ficarían con 35 deputados fronte aos 41 actuais, nunha cámara na que pasarían a estar en minoría.

Parlamento
photo_camera Parlamento

Os resultados das municipais deste domingo, extrapoladas ao mapa dunhas eleccións galegas, deixarían un PP sen maioría absoluta no Parlamento de Galiza. Dos 41 parlamentares que ten na actualidade pasaría a ficar con 35. Por contra o PSOE aumentaría de 18 a 24 representantes. O BNG, que na actualidade ten sete escanos, pasaría ter tres máis, atinxindo 10. E a isto hai que engadir que habería 5/6 parlamentares en representación das marés cidades e candidaturas de confluencia.

Claro está, estes son resultados da extrapolación das municipais ás autonómicas, dúas citas coas urnas con dinámicas e axentes diferentes. Así, nestas municipais non concorreu AGE como tal -formación que ten 9 escanos no Parlamento de Galiza-. E as marés e candidaturas ‘municipalistas’ non estiveron presentes en todos os concellos do País, senón que ficaron por baixo dun terzo dos municipios. Nunhas eleccións galegas non se daría ese ‘escenario’. Sobre a mesa, a incógnita do que faría Podemos, que este domingo si compareceu coa súa marca nas autonómicas decorridas conxuntamente coas municipais.

Malia todo isto, esta extrapolación permite visualizar na Cámara galega o crítico momento eleitoral que vive o Partido Popular, que obtén o peor resultado da súa historia en eleccións deste tipo na Galiza, repetindo a mesma percentaxe, o 35%, obtida nas europeas de maio pasado.

Comentarios