O PP oponse a actualizar o plan de prevención do suicidio, de 2017

9.000 persoas agardan para a 1ª consulta de psiquiatría
Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

O PP votou en contra dunha proposición non de lei que reclamaba "medidas de reforzar" para facer fronte ao elevado número de suicidios na Galiza e que consideraba que o plan de prevención de 2017 ficaba desactualizado.

A iniciativa, presentada polo BNG e apoiada polo PSdeG, denunciou os déficits de persoal especialista na rede do Sergas, sinalaba que a Galiza “está á cola do Estado” cun cadro de persoal que só cubre 68 % das prazas precisas en psiquiatría, 49 % das de enfermaría, 50 % dos psicólogos que serían necesarios, 27 % en traballo social ou 32 % en terapia ocupacional", segundo datos que ofereceu na comisión de sanidade do Parlamento a deputada nacionalista Montse Prado.

Julio Torrado (PSdeG) apuntou que as listas de espera para unha primeira consulta de saúde mental no Sergas na Galiza "son de 4 meses ou 4 meses medio", o que implica que "moita xente non acuda a elas".

Neste sentido, os nacionalistas lembraron que case 9.000 persoas agardan para a primeira consulta de psiquiatría no Sergas. Marta Rodríguez-Vispo (PP) indicou que o suicidio e os problemas de saúde mental "preocúpannos a todos" e afirmou que o Goberno galego "leva anos traballando nestes campos". Indicou que o plan de 2017 fora "pioneiro" no seu día e defendeu a súa vixencia. A deputada popular recoñeceu que as cifras de suicidios —340 en 2022— son "preocupantes"  mais apuntou que sen as medidas e traballados desenvolvidos a partir do mecionado plan "os datos poderían ser aínda peores". 

A comisión de Sanidade aproboupor unanimidade unha proposición na que instan á Xunta a elaborar unha guía que "homoxenice" en todas as áreas sanitarias o protocolo de atención aos nacementos por cesárea. A Cámara reclama na proposición que todas as áreas teñan un protocolo común que permita o acompañamento no parto da persoa que a nai decida, así como que se posibilite o contacto 'pel con pel' continuado co recentemente nado.

Comentarios