O PP multiplicará por 10 o custo da AG-53 após a súa privatización

A Xunta inicia o proceso de licitación da xestión do vial que une Dozón e Ourense. A privatización da autovía carrexará uns custes de mantemento de 1.552 millóns de euros públicos, dez veces máis do que o sistema actual. 

AP
photo_camera [Imaxe: Galipedia]

O Partido Popular rexeitou esta quinta feira –e por segunda vez-- paralizar o proceso de privatización da autovía AG-53 que une o Alto de Santo Domingo (Dozón) con Ourense. O deputado, Alejandro Gómez Alonso, asegurou na Comisión de Ordenación Territorial que o partido maioritario na Cámara ten “as cousas moi claras” a este respeito e rexeita manter a xestión pública do único vial libre de peaxe da AP-53. 

En troca, as forzas da oposición denuncian o “grande timo” que suporá a licitación desta infraestrutura –sinalou a deputada do Bloque, Ana Pontón. Unha vía, acrecentou, que cumpre unha “función vertebral” para o interior do país. 

A voceira nacionalista comparou a decisión do goberno galego en relación á AG-53 co sonado caso da  Autoestrada do Atlántico (AP-9) pois a súa privatización suporá alongar os custes para as arcas públicas até 2057, embora “o vencemento das débedas” cun sistema de mantemento público remataría en 2025. 


Privatizar a privatización, máis de 2 millóns de euros públicos
Para o BNG o proceso iniciado pola Xunta supón unha “grande estafa colectiva”, opinión que partillaron os representantes de AGE e PsdeG-PSOE pois cargará os custes sobre “as xeracións futuras”, indicou, de acordo co informe elaborado polo propio Consello de Contas de Galiza. E é que a súa privatización multiplicará por 10 o custo actual ao situar a factura a pagar pola administración en 1.552 millóns de euros. Un “xugoso negocio”, ironizaba a finais do pasado ano a propia Ana Pontón, que dista moito do aforro ao que apela o Partido Popular para continuar adiante coa medida. 

A Xunta pagará 2 millóns de euros en concepto de "comisión de éxito" á empresa encargada de xestionar o proceso de licitación

“Non cremos na retórica dos seus números”, afirmou o deputado do PsdeG-PSOE. Unhas contas que non cadran para as forzas da oposición. En grande medida porque mesmo o proceso de licitación da xestión será desenvolvido de maneira privada. “nen os funcionarios da consellaría farán o proceso de adxudicación”, de acordo co estipulado polo prego da Xunta, denunciou Antón Sánchez de AGE.

Desta maneira, a factura aumenta e aos 1.552 millóns de euros que percibirá a concesionaria, engádenselle unha “comisión de éxito” da empresa encargada do proceso de adxudicación que percibirá 2 millóns de euros. Para alén, acrecentou Ana Pontón dos “71 mil euros en asesores” para levar adiante a iniciativa e “200 mil euros máis” para a empresa encarcargada do proxecto. 

A Consellaría pagou 71 mil euros en asesores para deseñar o proxecto de privatización

O exemplo dos radiais de Madrid: 6 mil millóns públicos 
Aínda así desde o Partido Popular defenden que “esa licitación será beneficiaria para as arcas da Xunta de Galiza”. Mais, que hai de casos semellantes implementados por outras administracións do PP?

Desde o Bloque lembráronlle ao grupo popular o caso dos “radiais de Madrid” cuxa privatización rematou por custar @s contribuístes 6. 000 millóns de euros máis logo de asumir a administración da Comunidade a débeda adquirida polas concesionarias cuxos principais acredores eran as construtoras e a grande banca que tempo despois remataron no punto de mira do proceso xudicial polos cobros en B do PP. 

Agora, salientou Ana Pontón polo BNG, agardan que “non veña a fiscalía investigar se hai intereses espúreos” no proceso de privatización do último vial libre de peaxe da AP-53.  

Comentarios