23-X

O PP fai unha "listaxe de agravios" de Sánchez coa Galiza en infraestruturas e chama a "non perder o tren do cambio"

"O PSOE di unha cousa na Galiza e cando chega a demanda a Madrid fai caso omiso ás reclamacións dos galegos", afirma a candidata número dous dos populares pola Coruña, Marta González.
Borja Verea, Paula Prado, Ethel Vázquez e Marta González, esta cuarta feira, na estación intermodal de Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja Verea, Paula Prado, Ethel Vázquez e Marta González, esta cuarta feira, na estación intermodal de Santiago. (Foto: Europa Press)

Varios cargos do PP na Galiza, coa súa secretaria xeral, Paula Prado, á cabeza, trasladaron esta cuarta feira as reivindicacións da súa campaña electoral á estación intermodal de Santiago de Compostela, desde onde presentaron unha "listaxe de agravios" do Goberno de Pedro Sánchez coa Galiza en materia de infraestruturas e chamaron a votar o PP para contar cun presidente "que coñece as necesidades da Galiza" como, aseguraron, "é Alberto Núñez Feixoo".

"Nós propomos unha campaña para Galiza en positivo, con propostas para Galiza", manifestou Prado en declaracións aos medios, e apelou a "un Goberno solvente" que, dixo, "só pode ser liderado por Alberto Núñez Feixoo". Así, contrastou o "proxecto" que presentan os populares coa "campaña en negativo e con insultos e agresións verbais" do PSOE.

Na súa intervención, Prado ironizou con que o PSOE elixiu como lema de campaña a palabra "Adiante", cando na súa opinión, na Galiza "só se deron pasos atrás". Fronte á "desconexión" que, reiterou, supuxeron estes cinco anos de Executivo socialista en materia de infraestruturas, Prado propón que este 23 de xullo haxa "unha desconexión con Pedro Sánchez".

"Queremos que os galegos saiban que todas estas cousas que non se fixeron nestes anos si son posíbeis da man de Alberto Núñez Feixoo, porque é o único que coñece cales son as nosas necesidades e o único capaz de chegar á Moncloa, abrir o caixón e sacar todos estes proxectos fundamentais para que Galiza conte cunhas infraestruturas do século XXI".

A número dous do PP pola Coruña, Marta González, denunciou tamén que o Goberno español "non atendeu as demandas do Corredor Atlántico", a pesar de que o Parlamento europeo "aceptou todas as alegacións" sobre a incorporación á rede básica desa infraestrutura, en relación cos tramos Ferrol-A Coruña, A Coruña-Lugo-Monforte e tamén cos portos Pontevedra, Vigo-Porto, Marín e Ferrol. Na súa listaxe, fixo referencia aos "tres anos que tardou o Goberno en redactar e dar publicidade ao informe de impacto hidroxeolóxico" da variante de Cerdedo da Alta Velocidade, un compromiso que se recuperou esta lexislatura e que acaba de saír adiante, lembrou.

Aliás, cualificou de "sanguenta" a cuestión da transferencia da AP-9, unha solicitude que, ao estar en trámite parlamentario, volveu decaer como en lexislaturas pasadas, pola disolución das Cortes. Trátase dunha demanda "unánime" do Parlamento da Galiza, que reclamou este traspaso desde os gobernos de Mariano Raxoi e Ana Pastor como ministra de Fomento. Marta González culpa o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de dar "indicacións" para evitar a tramitación da iniciativa co período de emendas, no que, en todo caso, como ela mesma subliñou na súa comparecencia, o PP presentou as súas para "mellorar" a iniciativa.

A candidata popular censurou que o PSOE "di unha cousa na Galiza e cando chega a demanda a Madrid fai caso omiso ás reclamacións dos galegos", unha actuación que cualifica de "tomadura de pelo" e que se enmarca no "absoluto abandono" ao que "o sanchismo condenou ás infraestruturas galegas".

No acto tamén interveu a responsábel estatal de Infraestruturas do PP e conselleira da Xunta, Ethel Vázquez, quen apuntou que a intermodal de Santiago "é un dos escenarios representativos" desta campaña á hora de abordar a situación das infraestruturas. "O Goberno galego e Feixoo comprometéronse coa posta en marcha desta estación para estar preparados para a chegada do AVE, pero mentres que esta infraestruturas leva dous anos en funcionamento, a alta velocidade non chegou", criticou Vázquez, quen argumentou que se volverá "perder" unha tempada turística estival sen os trens.

Ethel Vázquez censurou que o Goberno de Sánchez "mentiu" aos galegos e "nin sequera temos coñecemento sobre cando nin cantos trens Avril van chegar á Galiza". "Un máis" dos "incumprimentos de Sánchez, dixo a tamén conselleira de Infraestruturas, quen citou ademais o colapso da A-6, o "cume do abandono", e o mantemento das estradas.

Comentarios