Parlamento

O grupo do PP alonga un xantar de tres horas e 'planta' a oposición no reinicio da sesión plenaria

"O pleno no Parlamento falando da situación da infancia con esta imaxe da bancada do PP que fala por si soa", lamentou a socialista Noelia Otero.
A bancada do PP, practicamente baleira no reinicio da sesión desta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A bancada do PP, practicamente baleira no reinicio da sesión desta terza feira. (Foto: Nós Diario)

Tres horas de receso solicitou o grupo parlamentario popular esta terza feira para retomar, após o xantar, a sesión plenaria do Parlamento da Galiza. Unha decisión que provocou malestar nas cadeiras da oposición, pois o habitual é que a pausa previa aos debates da tarde non exceda dunha hora ou, nalgúns casos, hora e media.

Mais desta volta a sesión suspendeuse após o mediodía até as 16.30 horas, e non ás 16h, como soe acontecer na Cámara galega. O motivo? O xantar de despedida dos deputados e deputadas do Partido Popular que abandonarán o hemiciclo esta semana para coller as rendas dos seus respectivos municipios após venceren nos comicios do pasado 28 de maio, segundo precisan a Nós Diario fontes da oposición.

E, aínda así, semella que a sobremesa foi máis longa do previsto e unicamente tres asentos da bancada maioritaria, a do PP, estaban ocupados no reinicio dos debates parlamentarios. A deputada socialista Noelia Otero afeou esta pobre imaxe do Parlamento, que se preparaba para acoller un debate sobre a situación das e dos menores en risco ou desamparo.

"Retomamos, despois de tres horas de receso para comer, o pleno no Parlamento galego falando da situación da infancia con esta imaxe da bancada do PP que fala por si soa", lamentou Otero a través das súas redes sociais.

Tamén a encargada de defender a moción referida aos dereitos das crianzas, a parlamentaria socialista Marina Ortega, cuestionou a ausencia dos populares no inicio da súa intervención por mor do seu xantar de fraternidade.

O esperpento neste Parlamento sempre pode ir a máis. Hoxe e despois dun aumento 'misterioso' de tempo para comer, o PP comeza o pleno do Parlamento con 2 de 42 deputadxs porque estaban literalmente coa sobremesa. Insultan á xente", criticou tamén o nacionalista Daniel Castro.

Xestión do litoral

Durante a sesión da mañá, o PP vetou a toma de consideración do Parlamento dunha proposición de lei para defender no Congreso o traspaso á Galiza da xestión do litoral, ao considerar esta norma impulsada polo BNG como "inxusta, innecesaria e ilegal".

Comentarios