18-F

Unha candidata do PP culpa as persoas migrantes da existencia de listas de espera na sanidade pública: “Non hai control”

A candidata tamén é técnica no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribeira

María José Carreira, candidata do PP e técnica no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribeira. (Foto: M. C.)
photo_camera María José Carreira, candidata do PP e técnica no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribeira. (Foto: M. C.)

“Por que hai listas de espera? Porque non hai control desde Madrid coa inmigración. Estamos deixando pasar un montón de xente á que lle estamos dando unha serie de privilexios”. Estas son as palabras coas que a candidata número 25 do Partido Popular pola circunscrición da Coruña e técnica no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribeira, María José Carreira, xustificou a existencia de listas de agarda na sanidade pública.

Fíxoo nun acto público decorrido na quinta feira na parroquia de Oleiros, en Ribeira (O Barbanza), encadrado na campaña electoral dos comicios galegos do día 18 de febreiro, e sen achegar ningún dato que xustificase tal afirmación.

Carreira quixo deixar claro que “non está en contra da inmigración”, para a continuación sinalar que “necesitamos xente que veña traballar á lonxa, aos nosos barcos, a domicilio”. “Estou a favor disto pero non pode ser que se lle dean pagas que nós pagamos a toda esta xente, que até lle dan aloxamento en hoteis de cinco estrelas”, concluíu.

“Tamén na privada”

María José Carreira repetiu esta quinta feira algo que forma parte do argumentario do PP para estas eleccións: “A sanidade galega é a mellor do mundo”. Con todo, admitiu que existen listas de espera, aínda que “tamén na privada”, apostilou.

“Chegamos aos hospitais e vemos moitísima xente. Pero tamén a vemos na privada. Eu moitas veces vou á Rosaleda [hospital privado en Compostela] e tamén hai máis xente da que había hai uns anos”, dixo.

 

Comentarios