Os populares cargan contra a lei de cambio climático e transición

O BNG pide blindar o complexo mar-industria alimentar e presenta 30 emendas á lei de cambio climático.
Illas Cíes (Foto: turismo.gal)
photo_camera Vista aérea das Illas Cíes (Foto: turismo.gal)

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, culpou o PSOE e o BNG de seren "responsábeis" do "ataque ás industrias" galegas situadas na liña de costa se sae aprobada no Congreso a lei de cambio climático e transición enerxética. Esta sexta feira, 12 de marzo, en rolda de prensa, Tellado alertou contra o artigo 18 deste texto impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que reafirma o límite de 75 anos para as concesións en dominio público marítimo-terrestre e fai nulos os actos administrativos que prorroguen este prazo máximo.

O dirixente popular lamentou que isto vaia  afectar "centos" de compañías do complexo mar-industria que verán "como as súas concesións se reducen en máis de 40 anos", e anunciou a presentación dunha emenda a ese artigo 18.

Precisamente, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afeou en rolda de prensa ao PP que aseverase que o Bloque deu luz verde ao texto cando non participa no relatorio.

O nacionalista explicou as 30 emendas que presentou á lei de cambio climático “co obxectivo de mellorala" e garantir unha transición enerxética xusta. Unha desas emendas pide a supresión do artigo 18 (o mesmo ao que se referiu Tellado) por considerar  que pon en risco a continuidade de centenas de pequenas empresas do complexo mar-industria alimentar, vinculadas aos sectores pesqueiro e marisqueiro e que son actividades sustentábeis e respectuosas co medio. 

Outras emendas do BNG piden a incorporación de plans forestais para o mantemento da diversidade e a conservación de bosques autóctonos, moratoria á plantación de eucaliptos, reversión das concesións hidroeléctricas para que unha vez finalicen pasen ao público, impulso á rede ferroviaria de viaxeiros e mercadorías, garantir unha transición enerxética xusta ás zonas afectadas polo fechamento de térmicas ou apoio aos concellos e o sector pesqueiro para afrontar os desafíos da transición. 

Posición da patronal

A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) fixo público un comunicado no que insta a suprimir ou modificar o polémico artigo 18 da lei de cambio climático no seu trámite no Congreso, xa que de aprobarse "podería obrigar ao fechamento de numerosas instalacións e á perda de miles de empregos".

A patronal galega quere así "eliminar a inseguridade xurídica e a falta de estabilidade" que xerará, din.  

Comentarios