O Supremo arquiva a causa contra Néstor Rego por unha protesta en Meirás

O nacionalista estaba sendo investigado pola súa presunta participación en delitos en agosto de 2017, cando un grupo de activistas entrou no complexo do pazo de Meirás para protestar contra o franquismo e reclamar a entrega do inmoble ao pobo. As e os maxistrados lembran, ademais, que hai delitos que non teñen cabida tendo en conta que hoxe hai sentenzas que confirman que o patrimonio debe estar nas mans do Estado.
Comparecencia ante a prensa dos militantes do BNG acusados pola familia Franco. Denuncia Pazo de Meirás.
photo_camera Imaxe de arquivo: comparecencia ante a prensa dos militantes do BNG acusados pola familia Franco. Denuncia Pazo de Meirás.

A causa aberta contra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, por unha protesta no pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao pobo vén de ser arquivada. Así o anunciou hoxe a sala do Penal do Tribunal Supremo, que trataba as actuacións porque foran derivadas desde o Xulgado de Instrución de Betanzos.

O asunto facía referencia aos actos do 30 de agosto de 2017 -denunciados pola Fundación Francisco Franco e a propia familia do ditador- cando distintos activistas despregaron no complexo pancartas en contra do franquismo e reclamando a entrega ao Estado.

Agora o Supremo toma a decisión de arquivo, en acordo coa Fiscalía, porque non atopa “carácter delituoso dos feitos suficientemente xustificado e ademais non alcanzar os indicios existentes de participación do aforado a mínima solidez esixida”.

Por outra parte, a Xustiza declara que non ten competencias ao respecto das outras 17 persoas que estaban sendo investigadas pola reivindicación, pois ningunha ten condición de aforada.

Os feitos descritos na exposición razoada elevada ao alto tribunal sinalaban que o 30 de agosto de 2017 un empregado do pazo observou como un grupo de persoas accederon tanto á leira, ao interior do inmoble como á súa cuberta, tras rubir polos muros perimetrais da súa propiedade.

“Tras introducirse na propiedade, e segundo recolleu a Garda Civil de Sada no seu atestado, un dos grupos formado permaneceu no xardín do pazo, algúns deles subidos ás balaustradas, despregando unhas pancartas de grandes dimensións co lema 'Que nos devolvan ou roubado. Franquismo nunca máis”.

Supostos delitos de danos

No escrito, que agora vai ao arquivo, considerábase, indiciaria e provisionalmente, que Rego cometera “delitos de danos, violación de morada, contra a honra do art. 205 CP; e de odio”. Porén, o Supremo entende que non hai “indicios sólidos” da participación en tales accións.

“Indícase na propia exposición razoada que a actuación de cada interveniente no acto reivindicativo, non pode ou non puido ser individualizada. Sen que nada permite inferir, acción directa dañosa nin directriz neste sentido impartida polo aforado; tampouco que fosen os danos consecuencia dunha acción conxunta colectiva consecuencia dun acordo expreso ou tácito para a realización de danos, por outra banda incongruente en relación a un acto reivindicativo dese propio ben de interese cultural, as Torres de Meirás", di o Supremo.

Aliás, o ditame destaca que “é reiterada a xurisprudencia constitucional que sinala que nestas manifestacións colectivas, nin sequera aos dirixentes, cabe imputar penalmente os excesos que no seu caso, sexan cometidos por terceiros”.

Alusións á devolución actual ao Estado

No escrito ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, as e os maxistrados subliñan que non se lle pode imputar ao deputado un delito de odio, como se pedía, porque "non se identifica grupo minoritario necesitado de especial protección ao que pertenzan os responsábeis da querela cando se senten destinatarios das pancartas exhibidas".

Sobre a devolución do "roubado", entenden que o "roubado é unha expresión coloquial que non se atribúe a persoa concreta". Así mesmo, cando nos escritos se facía referencia ao "pazo" tampouco se pode entender con literalidade xa que "obviamente se trata dun ben inmoble". Suxiren desde o tribunal que, en todo caso ao formar parte dun acto reivindicativo, as frases deben ser contextualizadas.

Esa entrega ao pobo que se reclamaba é unha "prédica de pertenza que non se realizou con temerario desprezo da verdade, cando á marxe do resultado final do litixio civil que en paralelo segue sobre o pazo, existe xa algunha resolución xudicial aínda que non sea firme que afirma a súa titularidade estatal".

Visitas abertas fronte á acusación de violación de morada

Respecto da acusación de violación da morada, lembran ás persoas que interpuxeron a querela que teñen que darse unha serie de circunstancias para que un espazo se considere unha morada. Por se fora pouco, destacan que no momento dos feitos o edificio estaba aberto porque decorría unha visita das organizadas para as e os turistas.

Deste modo, no Supremo aclaran que "non podía predicarse a existencia dunha intimidade preservada a uns potenciais moradores nas zonas de paso do interior".

Comentarios