23-X

Pontón tende a man para negociar un goberno alternativo á dereita e comprométese a defender a axenda galega

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, compareceu pasadas as 23.20 horas, para facer unha lectura dos resultados da formación nacionalista, que a pesar de incrementar en máis de 30.000 o número de votos a respecto das eleccións de novembro de 2019, non logrou aumentar o seu número de escanos.

Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, en primeiro plano.
photo_camera Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, en primeiro plano.

A dirixente do BNG comezou o seu discurso agradecendo o apoio ás 150.000 persoas que “con toda a ilusión e para que Galiza e os intereses galegos estean defendidos en Madrid” votaron polo nacionalismo galego, que logrou o 9,48% das papeletas, 1,35 puntos máis que nos anteriores comicios.

Pontón asegurou que o BNG, a través de Néstor Rego, defenderá “a axenda galega”, “imos estar á altura” da confianza das persoas que optaron pola papeleta dos nacionalistas. A dirixente do BNG salientou que “subimos 30.000 votos, un 25% máis que nas eleccións anteriores, subimos en porcentaxe de voto e mantemos a nosa representación”.

Nesta liña, puxo de manifesto que “somos, no ámbito das forzas alternativas ao PP, a que sobe” na Galiza, aínda que admitiu que “non cumprimos as expectativas”, pois o BNG confiaba en aumentar a súa representación en número de actas, como así tamén apuntaban o groso das enquisas que se coñeceron nas últimas semanas.

Pontón sinalou que “quedamos perto, faltaron 5.500 votos” para que Carme da Silva conseguise a acta pola circunscrición de Pontevedra. Destacou, ademais, a voz “firme” de Rego, que “vai seguir sendo a voz de todos os galegos e galegas, unha voz libre en defensa dos nosos intereses”.

A dirixente do BNG fixo tamén alusión ao contexto en que tiveron lugar as eleccións, un contexto “moi difícil”, cunha “polarización moi importante”, onde o foco se puxo nas forzas estatais, no bipartidismo, cunha campaña “presidencialista” en que “custou moito que a nosa mensaxe se fixese un oco máis grande”.

Pontón concluíu subliñando que o BNG “segue subindo, é unha das poucas forzas que sobe e imos a un escenario onde o voto do BNG vai ser decisivo”. Apuntou que “temos toda a vontade de cumprir: comprometémonos a darlle voz e forza á axenda galega e a frear a involución democrática”.

Tendeu a man a negociar “un goberno alternativo á dereita e á extrema dereita”, que cualificou de machista e xenófoba. “No que dependa do BNG non vai producirse unha repetición electoral”, asegurou Pontón, que incidiu no debate “estatalizado e presidencialista” que deixaron unhas eleccións “tremendamente complicadas”, sendo “un espazo difícil para o BNG”.

Os resultados

Co 98% do escrutinio, o BNG logrou nas eleccións un total de 150.040 votos, fronte aos 120.456 das eleccións de novembro de 2019 e un 9,48% do voto (1,39 puntos máis). Na circunscrición da Coruña, conseguiu 65.861 votos, un 10,04% (0,57 puntos máis), fronte aos 58.135 (9,47%) de 2019.

Na circunscrición do Lugo o BNG subiu 1,54 puntos, ao pasar de 12.940 votos a 16.723 e do 7,18% do voto ao 8,72%. Na de Ourense, pasou dos 10.256 votos a 14.993 e do 5,98% dos votos ao 8,37%, o que representa un incremento de 2,39 puntos, o maior para o BNG nas catro circunscricións. Na de Pontevedra, pasou de 39.125 votos a 52.687 e de 7,48% a 9,44% do voto, 1,96 puntos máis.

Comentarios