23-X

Resultados en directo: o PP é primeira forza con 136 pero fica lonxe da maioría absoluta coa extrema dereita

Na Galiza o Partido Popular sobe tres escanos que lle rouba ao PSOE, Sumar mantén os dous de 2019 e o BNG retén o da Coruña.
Papeletas nun colexio electoral de Vigo. (Foto: M. X.)
photo_camera Papeletas nun colexio electoral de Vigo. (Foto: M. X.)

O PP é a forza máis votada na Galiza nas eleccións estatais deste domingo, con 98,16% do voto escrutado, ao alcanzar 43,54% dos votos válidos. Así, este partido consegue 13 escanos dos 23 que se elixían polas catro circunscricións galegas. Pola súa parte, o PSOE é a segunda forza no país ao lograr o 29,85% e repórtalle 7 escanos. Sumar, terceiro con 10,93% dos sufraxios e 2 escanos, mentres o BNG, con 9,48%, consegue un pola Coruña e fica cuarto.

No conxunto do Estado español, o PP afianzouse na primeira posición obtendo 136 escanos cando xa se recontaron 98,91% dos votos a nivel estatal. O PSOE é segundo con 122 e a ultradereita de Vox obtén 33 actas, polo que fica moi lonxe da maioría absoluta xunto ao PP. Sumar é cuarto con 31.

A noticia en Euskadi é que EH Bildu adianta o PNV, con 6 escanos fronte a 5, mentres en Catalunya hai empate a 7 actas entre ERC e Junts. Tamén obteñen representación Coalición Canaria e UPN, un deputado cada un.

A cidadanía do Estado español volveu este domingo, 23 de xullo, ás urnas para decidir a composición do Congreso e o Senado para os próximos catro anos. Na Galiza están en xogo 23 actas de deputadas e deputados e catro senadoras e senadores. Cómpre lembrar, con todo, que falta por contarse o voto CERA —das persoas emigradas—, que representa 17% do censo galego —e alcanza 30% na circunscrición de Ourense—.A continuación ofrecemos os resultados minuto a minuto e por concello, circunscrición e autonomía.

Comentarios