Xosé Regueira (BNG), vicepresidente da Deputación da Coruña: "Acabamos co reparto a dedo: os concellos saben o que lles corresponde da Deputación"

Xosé Regueira (Carballo, 1967), concelleiro do BNG na súa cidade natal, é vicepresidente da Deputación da Coruña desde 2019, levando ademais as materias de cooperación, plans provinciais xerais, turismo e patrimonio histórico e cultural. Entre outras cuestións sobre a realidade política inmediata, reflexiona nesta conversa ao redor do papel do turismo como sector económico de gran peso e factor de coñecemento de Galiza como país.
 
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. (Foto: Xan Carballa)

—Levan xa oito anos cogobernando na Deputación. Tendo en conta a posición do BNG sobre estas institucións, que papel considera que deben ter?

Nas tres deputacións galegas nas que temos responsabilidades estamos conseguindo que sexan transparentes e que equilibren o territorio, dándolles impulso a fórmulas de cooperación cos concellos. É sabido que o noso modelo territorial non aposta por un modelo provincial, pero mentres existan, imos gobernalas do mellor modo. Agardo que ese debate, tan estendido alá por 2015, cando parecía inminente un cambio estrutural das administracións do Estado, volva darse e nós poremos o noso modelo. Cremos que é de sentido común evitar as duplicidades administrativas, que son moi grandes.

—Ligamos facilmente a idea da deputación co concepto de caciquismo.

Cumpriron 200 anos e aínda agora para a cidadanía son descoñecidas tanto nas súas funcións, en como se elixen ou en cal é o seu encaixe democrático. Apenas se sabe delas por algúns impostos que aquí se recadan. Foron administracións que durante moito tempo fixeron o que lles petaba e o reto, mentres permanezan, é que sexan democráticas e transparentes. Nós defendemos que as institucións deben representar o modo que temos de habitar o territorio. Debe haber un poder galego democrático que distribúa equitativamente os recursos e débese afondar na representación territorial das comarcas.

—Entre ese moito descoñecemento do que fala está o funcionamento en pleno, é unha cámara con verdadeiro debate político?

Hai moito, pero non lle corresponde. As forzas políticas trasládanlle debates e mocións, que son dos ámbitos dos parlamentos galego, español ou europeo. Se quitamos esa parte que serve para difundir cadaquén as súas mensaxes, e imos á parte administrativa, no libro de actas verase que máis do 95% dos puntos apróbanse por unanimidade. Ao final somos concelleiros e concelleiras que representamos o poder local.

—E nesta deputación, singularmente, nin presidente (alcalde das Pontes) nin vicepresidente (concelleiro en Carballo) veñen das grandes capitais.

É algo que me preocupa cara ao futuro. Porque cada vez vexo que se acumulan cargos dos grandes centros urbanos e vanse perdendo deputados doutros ámbitos. Acaba de perder un deputado o partido xudicial de Noia e a piques estivo de perdelo Carballo. O traslado de poboación ás grandes áreas metropolitanas tamén está deturpando o papel que lle dá a lei, que fala de que debe prestarlle servizo aos concellos de menos capacidade, recursos e poboación. E están perdendo peso os concellos máis rurais. Lembro un presidente da Deputación da Coruña, contemporáneo, que dixo que viña gobernar persoas e non ferrados de monte… como se aí non vivisen persoas que tamén teñen dereito a servizos públicos de calidade.

—Como está sendo o acordo de goberno de PSdeG e BNG nestes oito anos de acción conxunta?

Respondemos como un goberno único. Expresamos diferenzas políticas, pero no que toca á administración de recursos, acordamos en común sen problemas nin diferenzas. Conseguimos planos revolucionarios, como o Plan Único, polo que administrando 200 millóns de orzamento, 102 van directamente aos concellos. E despois da crise sanitaria da Covid botou a andar o Plan de emprego con máis de 20 millóns de euros, que dá traballo a máis de 1.000 persoas. Temos sensibilidades diferentes, socialdemócrata dunha banda e claramente de esquerdas pola outra, pero chegamos a un grande acordo de xestión que flúe ben.

—Por que é tan singular ese Plan Único?

O BNG entrou neste goberno en 2015 e botamos ano e medio debatendo as mudanzas que se requirían. Raxoi retiráralle ás deputacións as achegas para os plan de obras e servizos, pero na época de presidencia de Diego Calvo (PP), mantívose un plan de 24,5 millóns. Nós estamos agora en 100 millóns anuais. E onde antes se lles indicaba aos concellos en que podían gastar o que se lles daba (unha maneira indirecta de gobernar os concellos desde a Deputación), nós integramos todas as achegas nun Plan Único. Esa é a gran revolución que fomentou o BNG: que os concellos tivesen total autonomía para utilizar os recursos. Se lle chega un millón de euros, pode usalos todos para arranxar un polideportivo, se considera que é o prioritario. Xa decidirá despois a sociedade se os cartos da Deputación se gastaron ben. E o reparto faise co mesmo criterio para os 93 concellos: esforzo fiscal, poboación rural, extensión… Desde 2017 a 2023, desde a Deputación achegáronse 600 millóns de euros aos concellos. Con eles realizáronse máis de 3.000 obras coa carga correspondente para as empresas da provincia. E o que é máis importante: había un endebedamento dos concellos moi grande, e a primeira esixencia do Plan Único foi pagar todo o pendente cos provedores. 

Agora, sen medo a equivocarme, creo que non hai cartaz de obra pública que non leve o logotipo de colaboración da Deputación da Coruña e o investimento do Plan Único. Na maioría dos concellos pequenos, somos a única institución que lles aporta fondos para investir, uns úsanos para pagar a luz, o saneamento ou as obras sociais, pero xa non hai aquelas inauguracións discrecionais de antano polo presidente da institución que decidía como tiña que gastar cada concello para el aparecer cortando as fitas. Xa non teñen que pedir favores alcaldes e alcaldesas, saben o que lles toca cada ano. E ese é o modelo que lle reclamamos á Xunta da Galiza, para que se consideren as institucións locais organismos maduros e responsábeis que cada ano se renovan nunhas eleccións que premian e castigan a xestión que se fai.

—A Xunta da Galiza nunca logrou ter boa relación coas deputacións, nin con Fraga conseguiu coordinarse, tendo maioría o PP nas catro provincias.

A Xunta tamén tivo problemas para coordinarse co poder local. Nos momentos máis críticos da pandemia houbo un diálogo fluído, con interese en traballar en común, aínda con diferenzas, e foi un bo campo de probas do que podería ser. Se hai vontade política, hai coordinación: en Turismo, por exemplo, soubemos velo e fixemos acordos a tres bandas.

Pero hai algo perverso: a Xunta deposita nas administracións locais competencias que lle son propias do Goberno galego, pero como acaban pagando os concellos, a Xunta pensa “mellor non tratar con eles non vaia ser que nolas devolvan ou que teñamos que asumir ese gasto”. Non é normal que nós asignemos 100 millóns aos 93 concellos da Coruña, e a Xunta cos seus plans de cooperación apenas dea 130 para os 313 concellos de Galiza, do que aínda lles retrae os cartos de Bombeiros ou Protección Civil.

—O 28 de maio hai eleccións municipais, até que punto o resultado vai servir de termómetro de futuras convocatorias ao Goberno estatal e o galego?

Teño que pensar que si servirán. Nós somos unha forza política que entendemos que hai que construír alternativa ao PP na Xunta. Estamos dispostos a facelo de modo unitario sabendo que inicialmente haberá dificultades e se precisarán apoios. Estamos dispostos a negociar coas forzas que queiran máis autogoberno para Galiza e anteporemos os intereses da sociedade galega por riba de todo. Se outras forzas non o ven, será a súa responsabilidade. Gobernos como o desta deputación demostran que se poden facer grandes acordos e ter un modelo de xestión ao servizo da cidadanía sendo forzas políticas diferentes.

—Unha das súas responsabilidades na Deputación ten que ver co turismo. Hai unha idea estendida que fala del en termos case de “invasión”. Até que punto é un motor económico e que modelo máis alá do Xacobeo propoñen desde a súa óptica nacionalista?

Asumimos coordinar dous itinerarios xacobeos, a prolongación do camiño Fisterra-Muxía e o Camiño Inglés e estamos convencidos de que o Xacobeo é un gran produto, pero Galiza ten moito máis que ofrecer. Estamos no momento exacto de decidir sobre o modelo cara ao futuro. En 2004, non había nin empresas de consultoría turística radicadas na Galiza e agora temos 6 millóns de visitas á Galiza. A nosa preocupación é primeiro ter instrumentos de medida para detectar e atallar os problemas que están xurdindo e tamén para orientar os fluxos e que a chegada de máis visitas non ocasionen problemas cos residentes. Tamén para saber cal é o impacto real do turismo, non vaia ser que nos custe máis diñeiro do que nos dá.

O turismo debe servir para xerar oportunidades, asentar poboación, crear postos de traballo de calidade e ben pagados. En base a esa lectura, a Deputación da Coruña decidiu facer produtos complementarios ao Xacobeo. Incentivando un tipo de turista máis sensíbel co medio natural, preocupado por coñecer unha cultura tamén con lingua propia, e ofrecendo produtos cunha boa experiencia do territorio. Estamos por exemplo en Ortegal, agardando a certificación da Unesco e converterse en Xeoparque mundial, que sería un salto enorme, e tamén equilibra co outro que temos no interior galego, no Courel. Traballamos elementos de turismo deportivo, como o surf, e hai aspectos que debe lexislar a Xunta, porque chegan tamén acompañados de moito turismo de autocaravanas que se debe regular. Estamos traballando todo o referido ao gastronómico, porque hai unha fornada de novos profesionais espectacular (ás veces o Xacobeo desvalorizou esta orientación ofrecendo “pratos do peregrino” ou “mariscadas a 25 euros”). E finalmente teimamos na rede de parques históricos e de arqueoloxía, con itinerarios moi atractivos que ofrecen unha visión real do que é culturalmente o noso país e a nosa xente que non abandonou nunca a experiencia viva do rural. Con 6 millóns de euros e os fondos Next Generation que captamos, podemos dar un salto adiante. Debemos asentarnos sen medrar máis do debido e non converternos en destinos desvalorizados con modelos antigos. A xente busca destinos onde haxa respecto ao medio ambiente. Perigos? O boom eólico sen control, por exemplo.

O sector na Galiza representa entre o 11 e o 13% do PIB galego, algo máis aínda na Coruña. Máis do 50% do emprego que xera é novo e feminino, que son sectores onde hai máis déficit de postos de traballo. Aos meus compañeiros de organización política dígolles que hai que ver o turismo como un sector económico que pesa moito no global da economía galega, e así debemos contemplalo e xestionalo. Só na Coruña dá traballo a 125.000 persoas. Tómoo moi en serio e prézome de falar moito cun sector no que hai problemas e dificultades, pero cada vez mellores profesionais.

Comentarios